Debate do estado da nación

Feixoo mira para Madrid no debate da nación galega

O anuncio da fin da emerxencia sanitaria, a gratuidade das escolas infantís e a rebaixa fiscal centraron o discurso de Núñez Feixoo no Debate do estado da nación. Porén non houbo receitas fronte á crise industrial nin definición dos proxectos europeos que a Xunta aínda non remitiu ao Ministerio de Economía.
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na primeira xornada do Debate do estado da nación (Fotos: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na primeira xornada do Debate do estado da nación (Fotos: Arxina)

Crise e desindustrialización, sanidade, servizos sociais, financiamento e autogoberno centraron o primeiro Debate do estado da nación galega desde a irrupción da pandemia. Mais foi a reactivación económica a que despuntou como tema central na primeira xornada desta cita sobre política xeral que decorreu a 13 de outubro na Cámara galega. O debate rematará na sexat feira, día 15, coa votación das propostas de resolución dos grupos políticos. 

 O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, foi o primeiro en tomar a palabra e dedicou boa parte do seu discurso a sinalar a importancia dos proxectos europeos para a captación de fondos de recuperación Next Generation fronte á crise industrial. 

Deserto industrial

O mandatario situou a responsabilidade da desindustrialización da Galiza nas decisións do Estado e nunha "abrupta" política de transición enerxética. Ao tempo, pediu o apoio dos grupos da Cámara contra o que considerou un "ataque continuado" por parte do Executivo estatal á Galiza industrial.

Como parte da solución, destacou que a Xunta deu traslado esta semana ao Consello Consultivo da proposta para que os terreos da fábrica de Ence queden adheridos ao Porto de Marín e, por tanto, a pasteira continúe na súa actual localización na ría de Pontevedra, pese á sentenza da Audiencia Nacional que a obriga a saír dese enclave. Nada dixo sobre a responsabilidade do Executivo galego para axudar a buscar unha nova localización a Ence, cuestión que implica a Xunta ao ter esta as competencias de industria.

No caso da Mariña urxiu o Estado a tomar solucións que impidan o fechamento da fábrica de Vestas en Viveiro e a executar unha "intervención temporal" da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), cuestión á que lle respondeu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que interveu no debate por primeira vez como líder da oposición. "Nestes anos non houbo nin unha soa empresa en crise que o seu Goberno fose capaz de salvar. Nin sequera é capaz de dar un paso adiante para que a Xunta participe na intervención de Alcoa e se quere realmente salvar Vestas vincule os novos parques eólicos á permanencia da empresa", dixo a nacionalista sobre esta planta que fabrica aeroxeradores en Viveiro. "Deixa o balance de 14.700 empregos destruídos na industria", espetoulle Pontón, que instou Feixoo a "deixar de buscar culpábeis" e a"achegar solucións".

Neste ámbito, a líder do Bloque propuxo impulsar un Instituto Galego de Crédito co fin de dispor dunha ferramenta para actuar. En relación ao sector industrial, acusou o presidente de gobernar para os intereses do lobby eléctrico e dos consellos de administración de empresas como Ence. Propuxo un pacto galego pola enerxía que aborde como compensar Galiza como produtora de electricidade, unha transición enerxética xusta e un novo modelo eólico respectuoso co medio e con participación pública. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero acusou Feixoo de "non ter ningunha resposta nin proxecto de país" e situouno na "estratexia" de culpar o Goberno de España dos erros da Xunta. 

A política industrial de Feixoo nos seus 12 anos como presidente galego é "un folio en branco", dixo o socialista, lamentando que o mandatario non teña "modelo económico para a Galiza posCovid" e converta o país nun "almacén de desastres industriais" polo súa "falta de impulso, de estratexia, de obxectivos e de medidas".

Next Generation

Seguindo coas demandas ao Estado, Feixoo anunciou que solicitará a creación dunha Zona Franca en Ferrol, cidade onde porá unha nova delegación da Xunta. Avanzou que o Goberno galego, a través da súa representación na Sociedade Impulsa, proporá estudar a viabilidade de instalar a fábrica de fibras téxtiles -proxecto Next Generation- “na provincia de Lugo”. 

As fábricas de hidróxeno verde e almacenamento de enerxía, tamén dentro dos Next Generation, "sería óptimo" que estivesen vinculadas ás Pontes e Meirama, dixo o presidente, para compensar o cese de actividade das plantas deses concellos.

Proxectos aínda sen enviar

O mandatario revelou que o seu Executivo aínda non remitiu ao Goberno estatal os tres proxectos principais que a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, solicitou ao propio Feixoo na súa visita á Galiza hai case un mes. O presidente gabárase hai un ano de ter enviado o borrador dos proxectos tractores á Moncloa, mais aínda non sinalou cales son eses tres principais para candidatar Galiza aos fondos. 

A oposición leva tamén un ano denunciando a falta de transparencia da Xunta con estes proxectos que "agocha" ao Parlamento e desenvolve con Abanca e empresas. De facto, Pontón instou Feixoo a enviar ao Parlamento os proxectos remitidos a Madrid e reclamou que estes sexan acordados pola Cámara galega. Tamén propuxo "bilateralidade", cunha comisión Xunta-Estado para reclamar 12.600 millóns de euros dos fondos europeos; e que estas axudas europeas cheguen ao tecido produtivo, ás Pemes e aos servizos públicos.

Dentro dos proxectos, Feixoo sinalou varios que espera que reciban o aval do Estado: a fábrica de fibras téxtiles dentro do eixo do sector forestal, os proxectos do sector alimentario e os programas de investimento da automoción, en concreto o programa Áncora, que aspira a recibir 1.200 millóns de euros para liderar a nova mobilidade intelixente, sostíbel e autónoma.
Tamén salientou proxectos enerxéticos como a planta de xeración de hidróxeno verde e almacenamento enerxético e os proxectos de eólica mariña.

En canto ás axudas a sectores impactados pola pandemia, avanzou que nos próximos días haberá  "unha nova convocatoria" do plan de rescate.

Sanidade e emerxencia

A Xunta levantará a próxima semana a emerxencia sanitaria, en vigor desde hai 19 meses pola irrupción da Covid-19 en marzo de 2020.
Após citar as 2.463 vítimas mortais con coronavirus, o presidente galego avanzou que a Xunta da Galiza erixirá un monumento en homenaxe a elas.

"Da pandemia imos saíndo", dixo Ana Pontón, "non por méritos do Goberno galego" senón das e dos traballadores da sanidade, da sociedade e da mocidade "á que tanto tentou culpar". Nese sentido denunciou o colapso da Atención Primaria. Reprochou ao presidente que responsabilice das listas de espera á falta de profesionais. A cuestión "é que foxen da súa precariedade", engadiu Pontón, que reclamou medios e persoal para a sanidade.

O socialista Gonzalo Caballero, que tamén fixo bandeira da sanidade pública contra os recortes da Xunta, citou como un éxito da vacinación a próxima saída da Galiza da emerxencia sanitaria, e afeou a Feixoo que esquecera "recoñecer os seus erros" cando aseguraba que "a estratexia de vacinación era un anuncio  grandilocuente" do Goberno estatal. A Feixoo, dixo, "sérvelle calquera tipo de cuestión para facer oposición ao Goberno" do Estado.

Modelo residencial

O mandatario galego anunciou que en 2022 comezarase a implantar un novo modelo de residencias de maiores que incluirá unidades de convivencia de 25 persoas como máximo. Así respondeu as críticas da oposición, que desde o inicio da pandemia urxe a mudar o sistema residencial galego, masificado nos seus interiores e fondamente privatizado. Porén, nada dixo sobre mudar a regra que marca a xestión na Galiza: centros públicos da Xunta xestionados por empresas privadas e con persoal precarizado e centros privados que a Xunta subvenciona pagando prazas.

A dirixente nacionalista tamén afeou a Feixoo as "dolorosísimas valoracións" sobre os datos da pandemia, de que a Galiza é a comunidade con mellores datos de falecidos. "Despois de todo o vivido na pandemia, ninguén merece un presidente que presuma de falecementos", apuntou.

Instou a pór en marcha un novo modelo residencial que pivote sobre a xestión directa e pública de todas as residencias. 

Gratuidade de escolas infantís

O presidente tamén anunciou que todas as escolas infantís -públicas, privadas e de iniciativa social, así como as municipais que estean ao día co Consorcio- serán gratuítas desde o primeiro fillo a partir do próximo curso.

Este servizo xa era gratuíto desde o segundo fillo, mais desde o curso que vén tamén se beneficiarán as e os primoxénitos.
Fontes da Xunta sinalaron que a medida favorecerá unhas 20.000 nenas e nenos na Galiza, 10.000 deles primoxénitos.

A chave de bóveda: financiar a recuperación

As contas que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez -falecido a semana pasada-, "deixou practicamente listas" presentaranse a próxima semana, anunciou Núñez Feixoo, que anticipou que o gasto social aumentará até representar 71,1%. "Menos IRPF e menos imposto de Patrimonio para quen rehabilite en centros históricos. Ese é o noso modelo", dixo o presidente no debate, anunciando que "as contas do próximo exercicio volverán incluír" unha rebaixa fiscal.

En canto ao financiamento, anunciou unha cimeira para 2 de novembro en Santiago en forma de "fronte común" de presidentes de oito comunidades (Asturies, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cantabria e Estremadura) para impedir que o modelo de financiamento autonómico sexa "decidido nunha mesa bilateral" do Goberno español co de Catalunya.

Concerto económico como en Eukadi

Pola contra, para "financiar" a recuperación, o Bloque pide un concerto económico para a Galiza, e reclamar a cesión de impostos como o de Sucesións así como que tributen na Galiza as empresas que desenvolven no país a súa actividade, como Iberdrola, e avanzar nunha fiscalidade verde. A líder do BNG, Ana Pontón propuxo unha comisión de estudo para un novo modelo de financiamento.

O xefe de filas dos socialistas, Gonzalo Caballero, trasladou o apoio do PSdeG á Xunta para reivindicar un sistema de financiamento autonómico que teña en conta factores como o envellecemento e a dispersión. "Estaremos a traballar para que a Galiza teña o mellor financiamento", sostivo .

Comentarios