Rodil no debate sobre o Estado da nación: "Non falla a Galiza, falla o traxe, o Goberno galego"

A viceportavoz do Grupo do BNG, Olalla Rodil, defendeu na tribuna parlamentaria as 40 propostas de resolución presentadas pola súa formación que, salvo sorpresa última, quedarán todas elas no caixón sen aprobar. Iniciativas, dixo, para "deixar atrás a resignación" nunha Galiza na que, advertiu "non falla o país; falla o traxe, o goberno".

A deputada do BNG Olalla Rodil (Imaxe: Europa Press)
photo_camera A deputada do BNG Olalla Rodil (Imaxe: Europa Press)

No seu discurso na derradeira sesión do Debate sobre o estado da nación, Rodil fixo unha alegación a favor da mocidade, que "é futuro" pero que "sobre todo, é presente". Para iso, dixo, é preciso facer políticas que dean "oportunidades" á primeira xeración que ten "peores" perspectivas que os seus pais e nais e que teñen "que esconder" os títulos obtidos para lograr un traballo sen que pareza que teñen altas "expectativas" salariais.

Rodil, que lembrou que ela mesma naceu en 1989 -despois do primeiro debate do estado da nación- e aproveitou para lamentar que en ningún dos actos que conmemoran 40 anos da autonomía no Parlamento participou ningún menor de 40 anos-, proclamou que a Covid abriu "unha nova era" e preguntouse se, nela, "van sacar tallada o mesmo puñado de empresas" ou as maiorías sociais.

Após ironizar que "só faltaba" que 40 anos despois do inicio da autonomía non houbese na Galiza máis centros de saúde ou quilómetros de estrada que cando comezou a autonomía, insistiu en se realmente se está construíndo un país que ofreza máis oportunidades que hai unha década".

Os mozos de entre 20 e 35 anos son "a xeración estafada" e, en lugar dun mundo que se "rende aos seus pés", como se lles prometeu, o que atopan é "unha fila do paro máis longa que a cola da 'Ruta' ou do Maycar en hora punta", afirmou aludindo a dous dos locais de lecer nocturno máis concorridos da noite estudantil compostelá.

"O que falla non é o país, senón vostedes"

Así, e seguindo a liña do discurso da súa portavoz nacional, Ana Pontón; Rodil insistiu en que os últimos 12 anos levaron a "un país que se fai máis pequeno: en poboación, en emprego, en industria, en innovación". Pero fronte a que se "faga crer que o país non dá máis de si", sinalou, o BNG afirma que hai que "romper co 'bussiness as usual', con novas ideas e ferramentas, e levantar o freo" ás políticas populares. "O que falla non é o país, senón vostedes", aseverou.

Con mención especial e mostra de "agarimo" ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, empregou a súa "retranca" para comparar a situación da Galiza co que ocorre cando chove, momento en que aparecen os comentarios de "hai mal tempo".

Así, e apelando a unha expresión popular en Alemaña, Olalla Rodil subliñou que "non hai mal tempo, o que hai é roupa inadecuada". "Non falla o país, o que falla é o traxe, o goberno, vostedes que, sendo rigorosos, gobernaron 34 dos 40 anos", aseverou a deputada nacionalista, quen fiou con que o actual marco político estatutario é "dous ou tres tallas máis pequenas do que necesita este país".

Por iso, propuxo a apertura dun debate "sereno, democrático e con altura de miras" para abordar o status político da Galiza, pero que non conta co apoio da maioría parlamentaria.

Corenta propostas do BNG

O BNG propón 40 propostas para "deixar atrás a resignación, pondo a riqueza e o talento da Galiza ao servizo do país e as maiorías sociais e non nun puñado de multinacionais", na que Galiza teña "máis poder de decisión, sexa máis xusta socialmente e con máis oportunidades".

As iniciativas rexistradas apostan por reclamar as competencias pendentes no Estatuto e as pactadas en acordos parlamentarios, un concerto económico, unha lei "clara, audaz e valente" para "pór fin ás portas xiratorias" e dar "máis participación cidadá" con consultas populares e unha nova lei de medios públicos para elixir a Dirección Xeral por concurso público.

Os nacionalistas tamén rexistraron emendas para reforzar a atención primaria con 200 millóns de euros, un modelo de residencias "público" e unha rede de proximidade de coidados, así como gardarías gratis "si, pero públicas".

Ademais, o Bloque recolle nas súas propostas dar garantías á interrupción voluntaria do embarazo en centros públicos (o 77% faise en clínicas privadas) e pedía un pronunciamento da Cámara para "rexeitar con claridade e rotundidade" o "discurso do odio da extrema dereita" que está "detrás das agresións que atentan contra a dignidade humana", incluíndo un "cordón sanitario" a pactar con estas forzas políticas. "Esa é a única violencia que existe neste país (agora), a machista, a racista e a homofóbica", remarcou.

No ámbito económico, financiar o ámbito da ciencia co 1,5% do PIB como referencia, impulsar 50.000 postos de traballo en distintos ámbitos, incluídos de nova demanda do mercado laboral, que favorezan a incorporación de mulleres e novas, e un plan para o sector industrial para crecer ao 25% en 2030.

Comentarios