Debate do estado da nación

Ana Pontón a Feixoo: “Leva 12 anos facendo Galiza máis pequena e urxe un cambio de rumbo”

A portavoz do BNG lembra no debate do estado da nación os "fracasos" destes anos de Gobernos do PP en política industrial, agraria ou os recortes en servizos; e insta o presidente “a deixar de vetar todo o que é bo para Galiza”.

Ana Pontón en sede parlamentaria. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Pontón nun momento da súa intervención (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Non é a primeira vez que Ana Pontón define o modelo que o PP ten para Galiza como ‘Galiza bonsai’. Un modelo de país limitado, pequeno, case acomplexado, sen ideas nin confianza para aproveitar e facer uso de toda a súa potencialidade. Este debate do estado da nación, o primeiro desta lexislatura, a portavoz do BNG empregou como eixo do discurso sobre o que significaron estes 12 anos de Gobernos do PPdeG unha nova versión desa ‘Galiza bonsai’, a ‘Galiza pequena’. Como exemplo, o ramo que puxo a portavoz do BNG aos seus 45 minutos de intervención no debate: “Galiza é un gran país e non se merece un presidente que pensa e actúa en pequeno”

“Galiza non é un satélite de Madrid. Galiza non é un slogan electoral. Somos unha nación con historia que ten que mirar cara o futuro. Cando miro Galiza vexo un país con recursos, con sectores con potencial e con xente creativa e traballadora”, manifestou Ana Pontón. Unha Galiza, “pensada en grande” e que fica lonxe dese país produto dun presidente e un Goberno que, apuntou, “leva 12 anos improvisando”.

O presidente do ‘non’

Para a nacionalista, a “moderación” coa que se viste Feixoo non é tal. Sitúa o presidente como un dos actores dun PP “centralista e ultra” que fai constantes aloumiños a Vox e que se abona ao ‘non’: “non á tarifa eléctrica galega, non a un sistema público de residencias, non a reforza a atención primaria...”. Un PP, lembroulle, con escaso respecto pola lingua e cultura galegas.

A portavoz do BNG repasou o acontecido estes anos en sectores como a industria, a pesca ou a agricultura, con destrución de empregos e peches de empresas. “Nestes anos non houbo nin unha soa empresa en crise que vostede fose quen de salvar”, reprochoulle a Feixoo, a quen acusou de estar máis interesado por agradar Casado e “os lobbies do PP” que en resolver os problemas da Galiza.

“Feixoo fai Galiza máis pequena”, iniciaba Pontón cada unha das frases acompañadas de datos para exemplificar os resultados das políticas do PP nestes anos en servizos sociais, en política demográfica ou en cultura”.

Na súa intervención saíu a AP-9 e Domus Vi, o oligopolio eléctrico, o “perigo” de que os Fondos Next genmeration acaben en mans das multinacionais no canto do desenvolvemento produtivo...

“En definitiva, deixa unha Galiza máis pequena e urxe un cambio de rumbo”, concluíu a portavoz, que dixo que chamou a rachar cun “centralismo” que se traduce en recortes e menos riqueza. “Galiza necesita máis autogoberno. Necesitamos gañar máis peso político e capacidade para decidir sobre o noso. Temos que pedir a transferencia de todas as competencias pendentes”.

Pontón acusou o presidente da Xunta de situarse "á beira dos lobbys económicos". E así, quixo "lembrar algúns dos nomes das portas xiratorias que encabezan, por méritos propios, os ex presidentes González e Aznar". "Fátima Báñez (Iberdrola), Isabel García Tejerina (Iberdrola), Ana Palacios (Enagás), Ángel Acebes (Iberdrola), Elena Salgado (Endesa), Gonzalo Solaina (Enagás), José Folgado (Red Eléctrica), Josep Borrell (Abengoa), Luis Carlos Croissier (Repsol), Manuel Marín (Iberdrola), Pedro Solbes (Enel), Pio Cabanillas (Endesa), Luís María Atienza (Red Eléctrica), José Montilla (Enagás), José Blanco (Enagás), Isabel Tocino (Ence, Enagás), Beatriz Corredor (Red Eléctrica), Cristina Garmendia (Naturgy), Arsenio Fernández de Mesa (Red Eléctrica), Ramón de Miguel (Iberdrola), Carlos del Álamo (Ence), Beatriz Mato (Greenalia)...", recitou.

Decálogo de propostas

A portavoz puxo durante a súa intervención sobre a mesa un ‘decálogo’ de propostas do BNG: desde avanzar cara a un concerto económico “que nos dea a chave sobre os nosos cartos” (“o actual modelo de financiamento é prexudicial. O Estado recadou 13.132 millóns e recibimos polo sistema de financiamento 8.158 millóns”) até un  acordo para que os Fondos Next Generation revertan na economía produtiva galega ou un acordo de aposto pola industrialización da Galiza son outras propostas enmarcadas nese decálogo.

Desde un plan de choque de 200 millóns de euros para a Atención Primaria até un plan para a saúde mental ou destinar o 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista.

Comentarios