Autogoberno, chave para a recuperación económica, a debate no Parlamento

"Non estamos no debate do estado da nación, señora Pontón, estamos no debate da autonomía", espetou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na súa réplica á líder da oposición e xefa de filas do BNG. 

Núñez Feixoo no Debate do estado da nación (Foto: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo no Debate do estado da nación (Foto: Arxina)

O Debate do estado da nación, que decorre esta semana no Parlamento galego, abordou o financiamento, as competencias e o autogoberno como chaves para a recuperación económica, aínda que desde perspectivas moi distantes. Feixoo negou a condición nacional da Galiza e amosouse excéptico ante unha reforma estatutaria, que pediu o PSdeG, ante a proposta do BNG de conseguir un novo status para a Galiza. 

Núñez Feixoo: "Non estamos no debate do estado da nación, señora Pontón"

"Non estamos no debate do estado da nación, señora Pontón, estamos no debate da autonomía", espetou na primeira xornada do debate, no 13 de outubro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na súa réplica á líder da oposición e xefa de filas do BNG. 

O mandatario minimizou propostas como a tarifa eléctrica galega ou o concerto económico que propón o Bloque e pediu falar da "Galiza grande en serio" con medidas como o apoio á industria electrointensiva ou do "problema do galego" apuntando que, ao seu modo de ver, o problema da lingua está "fóra das aulas e non dentro".

En resposta ao PSdeG, que pediu actualizar nesta lexislatura o Estatuto de Autonomía, Feixoo animou Caballero a superar o BNG para así poder pactar unha reforma estatutaria que non sitúe a Galiza como nación. Aliás, acusou o BNG "de non seguir a lei" ao nomear o país como Galiza e non Galicia. 

Ana Pontón: "A Galiza é un gran país e non merece un presidente que pense en pequeno"

"A Galiza é un gran país e non merece un presidente que pensa e actúa en pequeno", díxolle Ana Pontón varias veces no debate a Núñez Feixoo, avogando por "construír unha nova Galiza, unha Galiza en grande". Por iso a nacionalista avanzou dez eixos nos que engloba as 40 propostas de resolución que na sexta feira votará a Cámara galega.  Entre elas está a posta en marcha da comisión mixta para solicitar "a transferencia de todas as competencias pertinentes" á Galiza, ao tempo que acusou o presidente de non conseguir un só traspaso de competencias nos 12 anos que leva gobernando. 

Tamén propuxo activar o relatorio parlamentario para pór sobre a mesa un novo status político que recoñeza Galiza "como nación". Aliás, pediu dedicar 2% dos fondos Next Generation á lingua e cultura galegas e exixiu "devolver o galego ao ensino como lingua  vehicular, derrogando o decreto da vergoña".

Gonzalo Caballero: "Nesta lexislatura haberá que adaptar o Estatuto aos novos tempos"

Durante o seu discurso, Gonzalo Caballero aproveitou para emprazar os grupos da Cámara a que, unha vez se supere "o peor da pandemia", inicien o debate para reformar o Estatuto de Autonomía. "Cremos que ao longo desta lexislatura haberá que adaptar o Estatuto aos novos tempos, para poñelo ao servizo da xente", argumentou, para avogar por incluír neste documento unha "carta de cidadanía" que sirva de garantía para que as e os galegos teñan os mesmos dereitos en "igualdade".

Mostrouse partidario de que as "comunidades históricas" teñan un "nivel competencial máximo". Todo iso, deixando claro que non lles gusta "o modelo independentista", cuxas alianzas "non traen nada bo". Por iso emprazou a buscar un acordo sobre a condición da Galiza como "nación de Breogán, nación cultural".

Comentarios