PP e PSOE pactan no Parlamento galego contra o independentismo e para enxalzar a Transición

As negociacións entre os grupos parlamentarios na Cámara galega serviron para que PP e PSdeG acordaran unha declaración, no marco do Debate sobre o estado da nación, na que expresan o seu desacordo co "independentismo" e expresan que "non traen nada positivo" para a Galiza.

Feixoo, de costas, durante o último Debate sobre o estado da nación (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Feixoo, de costas, durante o Debate sobre o estado da nación (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Ademais, populares e socialistas fecharon un total de oito acordos, no marco do Debate sobre o estado da nación, entre os que se atopan un pacto sobre o novo modelo de residencias, no que piden á Xunta crear 2.000 novas prazas residenciais públicas até final de lexislatura, unha medida que se negociou sobre unha proposta do PSdeG á que o PP introduciu o matiz de 2024.

Co BNG unicamente chegaron a un acordo sobre a dotación de trens AVRIL á Galiza, o cal se fraguou sobre un texto orixinal do PP que emendaron os nacionalistas, que non verán ningunha das súas iniciativas aprobadas.

PP e PSOE enxalzan a Transición española

Un dos acordos que sairá esta sexta feira adiante ten que ver co 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía. "Con motivo do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, o Parlamento da Galiza recoñece os logros alcanzados nestas décadas, que permitiron alcanzar as maiores cotas de autogoberno e o maior desenvolvemento social, económico e político da nosa historia común", recolle a iniciativa.

Neste sentido, continúa, "o Parlamento da Galiza ratifica o seu compromiso cos valores democráticos contidos no Estatuto de Autonomía e na Constitución, así como co espírito de concordia que fixo posíbel a Transición".

"Non compartimos as posicións independentistas nin consideramos que traian nada positivo para a Galiza, nin tampouco a defensa da autodeterminación, xa que o futuro colectivo da nación española corresponde a todos os españois", recolle, segundo confirmaron fontes parlamentarias a Europa Press, o texto pactado.

No debate parlamentario da cuarta feira, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xa mostrara a súa distancia ás posicións independentistas con respecto, singularmente, a unha eventual reforma do Estatuto de Autonomía que propuxo para cando remate a peor parte da pandemia.

Residencias

Doutra banda, e con respecto a unha das cuestións lanzadas desde a tribuna por parte do mandatario galego, socialistas e populares acordaron algunhas liñas sobre o novo modelo de coidados para os maiores, que o Goberno galego planea.

Sobre un texto dos socialistas, PP e PSOE sacarán adiante unha iniciativa na que se insta a Xunta a "desenvolver un novo modelo de atención e coidados aos nosos maiores que inclúa ampliar a rede de centros residenciais de carácter público para crear 2.000 novas prazas en residencias esta lexislatura".

A resolución tamén recolle "reforzar os equipos de Inspección dependentes da Consellería de Política Social para incrementar a supervisión destes centros de maiores, así como atrasar o máximo posíbel o proceso de institucionalización dos nosos maiores, mellorando o coidado domiciliario e coordinando mellor os recursos dispoñíbeis".

Comentarios