Pacto PSOE-PP en Ramirás, alcaldías rotatorias e outras curiosidades das sesións de investidura

O caso máis salientábel é o de Ramirás, onde o BNG venceu en votos e empatou a tres actas con PSOE e PP e os socialistas pactaron cos 'populares' unha Alcaldía rotatoria.
Isabel Gil, do PSOE de Ramirás, e Juan Carlos Rodríguez, do PP.
photo_camera Isabel Gil, do PSOE, e Juan Carlos Rodríguez, do PP, compartirán o bastón de mando de Ramirás.

O pasado 5 de xuño, representantes de BNG e PSdeG-PSOE acordaron "facilitar gobernos alternativos ao PP" en todos os municipios onde o resultado das urnas do pasado 28-M permitise que socialistas e nacionalistas, cos seus votos, impedisen a investidura de alcaldes e alcaldesas conservadoras. Non se comprometían a entrar nos respectivos gobernos formando coalicións, mais si a dar os seus votos.

"As urnas expresaron unha maioría alternativa ao PP", dicía entón Carme da Silva, concelleira do Bloque en Pontevedra. Unha opinión compartida polos socialistas, e así o concretaba o seu secretario de Organización e edil na Coruña, José Manuel Laxe: "Cremos que é importante este marco de diálogo co BNG. Forma parte da tradición e veremos até onde somos capaces de chegar".

Porén, algunhas agrupacións locais desviáronse destas directrices o pasado sábado. O caso máis salientábel foi o do concello de Ramirás (Terra de Celanova), onde a veciñanza deu unha axustada vitoria ao BNG, que sumou, con todo, as mesmas actas que PSOE e PP: tres. Contra todo prognóstico, os socialistas decidiron pactar cos 'populares' para impedir un goberno nacionalista e acordaron rotar a Alcaldía aos dous anos. Haberá outras dúas alcaldías rotatorias: no Bolo, entre Somos o Bolo e PSOE, e en Vilardevós, cos socialistas e mais Interior Galego Vivo.

Desde o Bloque, a través dun comunicado, lamentaron tamén que o PSOE "non facilitase" a investidura do seu alcaldábel en Viana do Bolo (comarca de Viana), Secundino Fernández. A falta de acordo permitiu que gobernase a lista máis votada, a do PP, con cinco concelleiros fronte aos tres de BNG —en segunda posición por número de votos— e os mesmos do grupo socialista. Tamén na Pastoriza (Terra Chá), con cinco actas do PP, tres do PSOE e tres do BNG, gobernarán os 'populares' após votar cada forza política por si mesma.

E un caso semellante foi o da Guarda, no Baixo Miño, onde o PP obtivo oito actas, por cinco do BNG, tres do PSOE e unha de Espazo Común. Dado que cada formación votou o seu propio candidato, a lista máis votada foi a elixida. E no caso de Mugardos (Ferrolterra), a "falta de apoio" de Esquerda Unida, reprocharon os nacionalistas, deu a chave do goberno ao PP, con cinco edís fronte aos tres do BNG, tres do PSOE e dous de EU.

A falta de acordo entre socialistas e nacionalistas tamén propiciou un goberno 'popular' en Cariño (Ortegal), onde o PP obtivo cinco concelleiros; o PSOE, segundo, tres, e o BNG, terceiro, os mesmos.

Tamén foi salientábel o caso de Ourense, onde PP, PSOE e BNG se comprometeran a non facilitar a investidura de Gonzalo Pérez Xácome. Un acordo que os 'populares' incumpriron pactando co líder de Democracia Ourensá a cambio de manter a Deputación.

Outra das curiosidades que deixa a pasada sesión de investidura en 300 concellos do país é a elección, de novo, de José Antonio Pérez Cortés como rexedor de Quintela de Leirado (Terra de Celanova), pois o mandatario do PP é o único alcalde preconstitucional que queda no país após perder o poder o franquista Senén Pousa en Beade.

Este sábado foi certamente unha xornada chea de tensión en moitos concellos do país. A constitución das corporacións municipais nos concellos en que a gobernabilidade estaba no ar vivíronse con especial tensión, e ese foi o caso de Xinzo de Limia, onde o independente Amador Díaz (Alternativa por Xinzo de Limia – AXIL) se fixo co bastón de mando nun pleno cheo de polémica e entre berros de "traidor" e "Xudas".

Comentarios