BNG e PSdeG acordan apoiar investiduras para formar gobernos "alternativos ao PP" nos concellos

Representantes de ambas as formacións políticas están reunidos nestes momentos en Santiago para marcar a liña a seguir nos concellos en materia de pactos.
De esquerda a dereita, Carmela Silva, José Manuel Laxe e Alberto Varela, do PSdeG, e Carme da Silva, Bieito Lobeira e Rubén Cela, do BNG. (Foto: Arxina)
photo_camera De esquerda a dereita, Carmela Silva, José Manuel Laxe e Alberto Varela, do PSdeG, e Carme da Silva, Bieito Lobeira e Rubén Cela, do BNG. (Foto: Arxina)

O encontro no que representantes do BNG e do PSdeG-PSOE negocian a formación de gobernos alternativos ao PP nos concellos nos que a suma dá para superar á dereita, após as eleccións municipais do pasado 28 de maio, arrincaron na mañá desta segunda feira, pasadas as 11.15 horas. Á cita, que decorre no Hotel Palacio do Carmen de Santiago de Compostela, acudiron membros da dirección de cada forza política, que avanzaron a súa vontade de pactar alá onde sexa posíbel.

Por parte do Bloque, participan das negociacións a responsábel da área de Municipal, Carme da Silva; o responsábel de Organización, Bieito Lobeira, e o encargado da área de Internacional, Rubén Cela. Do lado do PSdeG, están presentes a presidenta do partido, Carmela Silva; o secretario de Organización, José Manuel Laxe; e o secretario de Política Municipal, Alberto Varela.

Encontro entre representantes de PSdeG e BNG. (Foto: Arxina)
Encontro entre representantes de PSdeG e BNG. (Foto: Arxina)

Antes do encontro, en declaracións aos medios, Carme da Silva salientou que as municipais deixaron un "mapa político propio" que permite que en moitos concellos "poidan configurarse gobernos alternativos ao PP". E con ese "ánimo", afirmou, asiste a esta cita o BNG. A dirixente nacionalista lembrou que así o acordou a dirección do Bloque, coa intención de apoiar as investiduras dos alcaldes e alcaldesas da súa formación alí onde sexan a forza con máis votos alternativa ao PP.

Carme da Silva (BNG): "As urnas expresaron unha maioría alternativa ao PP"

E o mesmo acontecerá, asegurou, no caso inverso: "Onde sexa o PSOE quen teña máis votos para configurar unha alternativa ao PP, pois será apoiada polo BNG", subliñou Da Silva, que engadiu que "este é o obxectivo fundamental desta primeira reunión". Tras señalar que o pasado 28 de maio as urnas expresaron unha "maioría alternativa ao PP", enfatizou que o "fundamental" é que o vindeiro 17 de xuño, data na que se constitúen as novas corporacións, poida facilitarse a investidura de gobernos alternativos aos 'populares'.

"Outras cuestións como coalicións de goberno ou pactos, son cuestións que poden formar parte do proceso de forma sistemática ou atendendo ás necesidades e características de cada un dos concellos", defendeu, para incidir en que se trata dun "primeiro contacto" entre organizacións. "A vontade da sociedade galega é de configurar unha alternativa clara ao PP, e a sociedade está esperando a que lle deamos unha respuesta de forma clara", precisou.

Preguntada polo caso concreto de Ourense, Carme da Silva considerou que o "primeiro que debe aclararse" é o PP, e atribuíu ás súas decisións durante o pasado mandato a situación actual da cidade. "O señor [Alfonso] Rueda aínda non abriu a boca para dicir que vai facer en Ourense e que vai facer na Deputación", esgrimiu a nacionalista.

Pola súa parte, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, destacou tamén que acoden ás negociacións "coa idea de que se conformen gobernos progresistas" alí onde sexa posíbel. "Desde o ano 1991 construímos acordos para que haxa o maior número posíbel de concellos na Galiza gobernados por forzas progresistas e, concretamente, polo Partido Socialista", subliñou.

José Manuel Laxe (PSdeG): "O PP obtivo 38% dos votos; as forzas políticas situadas na esquerda son maioritarias"

Laxe, aliás, lembrou que actualmente o PSdeG goberna 109 concellos no país e que está en condicións de alcanzar o vindeiro 17 de xuño "unha cifra semellante". "Cremos que é importante este marco de diálogo co BNG. Forma parte da tradición e veremos até onde somos capaces de chegar", destacou o 'número dous' dos socialistas galegos, quen tamén asegurou que a súa formación acode coa "mellor das disposicións" ao encontro co Bloque.

O dirixente socialista, que afirmou que nesta xuntanza "falarase de todo" —incluída a situación de Ourense e Santiago—, erixiu o PSdeG na forza que "conduce os cambios políticos tanto nos concellos da Galiza como no resto das institucións". "O Partido Socialista vai falar de que poida haber o maior número de gobernos progresistas na Galiza, respondendo tamén ao que dixo a poboación", reiterou, para recordar que o PP "obtivo 38% dos votos" o 28 de maio e que "as forzas políticas situadas na esquerda" son "maioritarias". "Hai que lembrar que o Partido Socialista xa gobernaba a máis da metade da poboación e eu creo que estamos en condicións de seguir gobernando a máis da metade da población dentro dos concellos galegos", apuntou.

Comentarios