110.000 persoas, aínda sen alcalde: quen gobernará nos trece concellos que non se constituíron?

En cinco municipios non haberá sorpresas, pois venceron con maioría absoluta o PP en tres casos (Carballeda de Valdeorras, Lousame e Porto do Son), o PSOE nun (Boiro) e o BNG noutro (Mazaricos). De cumprírense os pactos asinados nos últimos días, os nacionalistas faranse tamén coas alcaldías de Ribeira, Muros e Corcubión, mentres Celanova Decide seguiría á fronte deste municipio e Compromiso por Outes gobernaría nestoutro. A incógnita segue sen despexar na Pobra do Caramiñal e Noia, e a veciñanza de Castro Caldelas será a única do país que volverá ás urnas.
Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas nun colexio electoral, o pasado 28 de maio. (Foto: Nós Diario)

Arredor de 2,58 millóns de galegos e galegas teñen xa, desde o pasado sábado, alcalde ou alcaldesa nos seus respectivos municipios. Son a práctica totalidade da poboación do país, residente nos 300 concellos nos que as corporacións locais puideron constituírse en tempo e forma; porén, outros 13 terán que agardar até o vindeiro mes para coñecer a 'cor' que adoptarán nos vindeiros catro anos. Polo de agora, e de forma xa oficial, o PP faise con 146 alcaldías; o PSdeG-PSOE, con 96; o BNG, con 32, e outras formacións, con 23. Aliás, os socialistas compartirán o bastón de mando no Bolo, con Somos O Bolo; en Vilardevós, con Interior Galego Vivo, e en Ramirás, o caso máis peculiar, co PP.

A veciñanza de Castro Caldelas (Terra de Caldelas) será a única de toda Galiza que terá que voltar proximamente ás urnas —aínda sen data concreta—, pois así o decretou a Xunta Electoral Central ao abeiro dun recurso presentado polo PSOE. Curiosamente, tanto socialistas como 'populares' denunciaron presuntas irregularidades na tramitación do voto por correo das e dos residentes dun centro de maiores do municipio. Non se mantivo correctamente a "cadea de custodia" deses 118 sufraxios que non foron depositados en urna e, ante a petición do PSOE de que os contabilizase posteriormente a Xunta Electoral de Zona, a XEC entendeu que xa non había lugar a valoralos polo tempo decorrido e os "inusuais avatares que experimentaron" desde a primeira denuncia de Correos antes dos comicios.

Os 118 votos en liza serían determinantes, e decantarán tamén o resultado electoral na segunda votación, pois o 28 de maio o PSOE obtivera unicamente 27 votos máis que o PP, o que se traduciu en cinco actas fronte ás catro dos 'populares'. A terceira formación que se presentou aos comicios, o BNG, ficou fóra do consistorio con 39, mais a entrada de novas e novos votantes podería de igual modo outorgarlle representación. Todos os escenarios están abertos en Castro Caldelas.

A pasada sexta feira, cando restaban menos de 24 horas para que se constituísen as corporacións locais dos nove concellos adscritos ao partido xudicial de Noia nunhas sesións plenarias xa convocadas, Nós Diario adiantaba a decisión da Xunta Electoral de Zona de adiar a elección das e dos rexedores até o vindeiro 7 de xullo. O motivo, un recurso interposto polo PSdeG-PSOE, que solicitaba o reconto dos votos nulos en todas as mesas electorais deste partido xudicial, pois estaba en xogo o segundo deputado provincial que outorga e que recaeu no BNG por unha diferenza de só 11 votos —o primeiro foi para o PP—. Se ben os socialistas anunciaron de entrada que non presentarían un recurso contencioso electoral após desestimarse o inicial, a lei dispón que deben pasar tres días para abrir a porta a esta posibilidade antes de se constituíren os concellos, polo que o pasado sábado Noia, Mazaricos, Outes, Lousame, Porto do Son, Muros, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal non puideron dar a benvida aos novos gobernantes.

En Ribeira todo indica que haberá cambio na Alcaldía após 32 anos de goberno ininterrompido do Partido Popular, pois BNG (cinco edís), Partido Barbanza Independente (cinco) e PSOE (un) acordaron sumar forzas fronte aos dez concelleiros 'populares' para "dar cumprimento á vontade da veciñanza explicitada nas urnas" e constituír un novo Executivo liderado polo nacionalista Luís Pérez Barral.

Onde non se agarda sorpresa ningunha é en catro dos municipios do partido xudicial de Noia, pois as urnas concederon a maioría absoluta ao PSOE en Boiro —nove edís, por cinco do PP, dous do BNG e un de Boiro Novo—, ao PP en Lousame —seis, por catro do PSOE e un do BNG— e mais Porto do Son —sete, por catro do BNG e dous do PSOE—, e ao Bloque en Mazaricos —seis, fronte a catro do PP e un de Espazo Común—.

No concello de Muros, nacionalistas e socialistas —catro e tres edís, respectivamente— están próximos a fechar un acordo para un Goberno de coalición que lideraría María Lago, do BNG, e que tería na oposición os cinco concelleiros do PP e o único de Muros Centrado. A incógnita tamén está practicamente despexada en Outes, onde os catro edís de Compromiso por Outes gobernarán da man dos dous do BNG e mais o socialista, sumando así os seus votos para superar os seis concelleiros do PP. Manuel González, de CO, seguirá como rexedor.

Máis complexo preséntase o panorama nos dous concellos restantes deste partido xudicial, Noia e A Pobra do Caramiñal. No primeiro, as urnas deixaron o PP en primeira posición con sete actas; o PSOE, con catro; Noieses Independentes Agrupados (NOIA), con dous; Marea Cidadá de Noia, con dous, e BNG, tamén con dous. O NOIA debátese entre manter o bipartito cos 'populares' ou impulsar unha alternativa para a que exixen ostentar a Alcaldía da man da súa candidata, Marisol Villar. Un extremo que o Bloque avanzou que non aceptará, mais si apoiaría un Executivo liderado polos socialistas.

No caso da Pobra do Caramiñal, o PP ficou a un edil da absoluta, con seis, por tres de Nós Pobra, dous do BNG, un do PSOE e outro de Veciñxs Independentes da Pobra (VIxP). A negativa desta última formación a apoiar un Goberno encabezado por Nós dificulta as negociacións, que seguen abertas.

Mapa da Galiza coas alcaldías por formacións políticas, previo ás sesións plenarias do pasado sábado. (Foto: Nós Diario)
Mapa da Galiza coas alcaldías por formacións políticas, previo ás sesións plenarias do pasado sábado. (Foto: Nós Diario)

En Corcubión (comarca de Fisterra) si prosperou un recurso interposto diante da Xunta Electoral Central, que estimou a finais da pasada semana as alegacións do Partido Autónomo de Corcubión (PACOR) solicitando que se contabilizase como voto nulo unha papeleta do PP pintada con rotulador. Un único sufraxio que lle permitiu entrar no consistorio cunha acta que perden, precisamente, os 'populares'. Así, a corporación estará composta por catro edís do BNG, dous do PSOE —que facilitarán a elección dos nacionalistas—, e un para Sempre Corcubión, PP e PACOR. A investidura, en consecuencia, ficou adiada.

O pleno constitutivo do Concello de Celanova convocouse finalmente, tamén, para o 7 de xullo, por mor do recurso presentado polo alcalde en funcións, Antonio Puga, de Celanova Decide, denunciando un "erro na transmisión telemática" dos votos dunha mesa que se asignarían ao PSOE e non ao seu partido e que lle suporían a perda dun concelleiro. O PP obtivo seis actas, por catro de CD, dúas do PSOE e unha do BNG. Socialistas e nacionalistas reeditarían o seu apoio a Puga.

Por último, desprazándonos á comarca de Valdeorras vemos o caso de Carballeda, cuxa corporación tamén se constituirá o vindeiro mes a conta dun recurso de Carballeda Renova que demandaba a repetición das eleccións, igual que en Castro Caldelas, por unhas supostas irregularidades no voto por correo nunha residencia de maiores. Un recurso finalmente rexeitado, polo que non haberá sorpresas: gobernará o PP, que obtivo unha folgada maioría de oito edís fronte ao único que recolleu CR.

A conta dos adiamentos nos tres concellos da circunscrición de Ourense —Carballeda de Valdeorras, Celanova e Castro Caldelas—, tamén se demorará a elección do novo presidente da Deputación de Ourense. A institución provincial ficará en mans do PP após acordar coa Democracia Ourensá de Gonzalo Pérez Xácome facilitar a súa investidura no Concello a cambio de apoio na Deputación.

Comentarios