domingo 27/09/20

Feixoo obtén o apoio de En Marea a unhas eleccións en xullo que rexeitan PSdeG, Galicia en Común e BNG

Desde o PP defenden que "na primeira quincena de xullo hai máis garantías que no resto do verán" para volver convocar as eleccións. Parte da oposición critica que Feixoo xa ten a decisión tomada. 
O titular do Goberno galego, Núñez Feixoo, reúnese cos representantes dos principais partidos políticos galegos. Edificio Administratito de San Caetano, Santiago de Compostela,
O titular do Goberno galego, Núñez Feixoo, reúnese cos representantes dos principais partidos políticos galegos. Edificio Administratito de San Caetano, Santiago de Compostela,

A reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e as forzas políticas galegas desta tarde rematou co PP e En Marea a favor de pór as urnas no mes de xullo e co PSdeG, BNG e Galicia en Común en contra ao considerar que o máis razoábel é agardar. Ciudadanos, que tamén estivo na xuntanza, deixou todas as opcións abertas a respecto do seu apoio. 

O portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, salientou que "na primeira quincena de xullo hai máis garantías que no resto do verán" para volver convocar as eleccións suspendidas o pasado 5 de abril pola pandemia da COVID-19. 

Pedro Puy fiou toda a súa argumentación aos cinco informes remitidos pola Xunta no día de onte que, en suma, segundo indicou, dan "estabilidade" até "a segunda semana de xullo" pola situación sanitaria e a non mobilidade, e que "a partir de aí o risco sobe".

Validou o portavoz do PP a capacidade de anticipación da situación por parte do Sergas, pois sinalou que "cando eles advertiron de que as eleccións terían sido no pico de contaxios, acertaron; xa que o número máximo de persoas hospitalizadas foi o propio 5 de abril". 

"O estado de alarma nos fixo entrar nun terreo inédito, é unha anomalía institucional estar cunha Cámara disolta", concedeu o popular, quen engadiu que "o que é certo é que ninguén pode saber o que vai pasar". "Entendemos que os estudos epidemiolóxicos din que as eleccións, se se quere rematar este período de crise institucional, teñen que ser xa", aseverou. 

Neste sentido, se como defenden desde o PP as eleccións deben celebrarse os primeiros 15 días de xullo, o domingo 12 colle forza para pór as urnas na Galiza. Agora, segundo avanzou Puy, o candidato do PP e presidente da Xunta "meditará" para tomar unha "decisión responsábel" nos vindeiros días. 

Para o BNG é unha "temeridade"

Desde o BNG mostráronse moi críticas á saída da xuntanza pois aseguraron que "só serviu para corroborar que Feixoo xa ten tomada a decisión de convocar eleccións en xullo pese ao estado de alarma e de emerxencia sanitaria, e pese a que os informes indican que non se pode predicir a evolución do virus na desescalada".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que "é unha temeridade e unha decisión unilateral do presidente da Xunta" da que espera "non haxa que lamentar no futuro".

A respecto da data dos comicios, desde o BNG manifestaron que non houbo concreción algunha por parte de Feixoo. "O único que queda por saber é a data que vai decidir o lehendakari Urkullu e á que Feixoo non fará máis que sumarse indo a rebufo do que decida Euskadi", afirmou Pontón. 

"Sen garantías" para Galicia en Común 

Na mesma liña, o portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, censurou que Feixoo non puxo unha data para as eleccións sobre a mesa. "Saímos da reunión como entramos", dixo. 

"Feixoo non pode garantir que un hipotético proceso electoral se dea coas garantías sanitarias e epidemiolóxicas necesarias", aseverou Gómez-Reino, para engadir que "non pode garantir, e así o dixo, que teñamos unhas eleccións con total normalidade democrática". 

Así, desde En Común lamentan que "o único que lle importa destes 60 días" ao presidente da Xunta "é a súa estratexia electoral".  

PSdeG apunta á "irresponsabilidade"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou após a xuntanza que o presidente da Xunta tomou a "decisión unilateral de convocar unhas eleccións na Galiza no momento en que todos estamos priorizando a loita conta o virus, defendendo a saúde e traballando por un proceso de desconfinamento que permita evitar os contaxios e loitar contra a crise económica e social". 

"É unha alta irresponsabilidade política e sanitaria que Feixoo decida unilateralmente rachar calquera acordo, pór en risco a saúde e o desconfinamento", sinalou Caballero, que acusou ao presidente galego de moverse "polos seus intereses dunha axenda oculta, que non é a axenda que interese ás galegas nin aos galegos".  

En Marea apunta ao 19 de xullo

Para En Marea "unhas eleccións con todas as garantías sanitarias non poderían convocarse até que rematase a pandemia". Así, consideran que hai que escoller "entre celebrar eleccións en xullo ou permanecer con Feixoo á fronte do Goberno sine die". 

Como isto último resúltalles "inasumíbel", pois argumentan que "para facer fronte á nova normalidade precísase un Goberno con plena lexitimidade democrática e legal", destacan "como menos mala" a data do 19 de xullo para celebrar os comicios galegos.

En todo caso, para dar o seu apoio á convocatoria electoral en xullo exixirán "que se desenvolva un protocolo que garanta de maneira estrita a máxima seguridade sanitaria en todo o proceso". 

"Non hai escenario ideal" 

Por outro lado, desde Ciudadanos deixan aberta a súa valoración e din que "non existe unha data nin un escenario ideal para celebrar as eleccións". A portavoz da formación na Galiza, Beatriz Pino, indicou que "o único que si aseguran os estudos é que en setembro/outubro haberá unha segunda ondada deste virus".

"A cidadanía non votaría libremente e con tranquilidade ante a incerteza do estado de alarma", abundan desde Cerna, que non participou na reunión mais nun comunicado aseguran que "as eleccións nestas condicións son crónica de mortes anunciadas". 

Para Cerna "a única solución acaída é repoñer o Parlamento electo en 2016, máxime cando aínda non rematou o período ordinario da Xª Lexislatura, pero sempre coas debidas garantías". 

comentarios