POLÍTICA

Feixoo quere urnas en xullo ante os contaxios do verán pero non blindará Galiza

O presidente da Xunta asegura que as eleccións galegas teñen que ser "axiña" pois cando se permita a mobilidade entre os diferentes territorios do Estado haberá máis posibilidades de que aumenten os contaxios por coronavirus. 
Sanxenxo,_Galiza_(Spain)
photo_camera Sanxenxo, imaxe de arquivo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, vén de avanzar unha convocatoria electoral para o mes de xullo e para iso argumentou que os comicios galegos teñen que ser "axiña" pois cando comece a "nova normalidade", e se permita a mobilidade entre os diferentes territorios do Estado, haberá máis posibilidades de que aumenten os contaxios por coronavirus no país

"O responsábel paréceme que é facelo cando menos risco hai e o irresponsábel sería facelo cando hai máis risco", sinalou Feixoo, para explicar que un estudo epidemiolóxico do Sergas indica que debido á baixa circulación do virus na Galiza, onde a poboación afectada estaría "entorno ao 1%", existe un "alto risco" dun novo brote da COVID-19.

Porén, o presidente galego contestou a Nós Diario que blindar a Galiza para evitar este novo brote non está entre os seus plans. "Imos ver como vai evolucionando a situación epidemiolóxica das Comunidades Autónomas, non teño dúbidas de que se non se produce a apertura a finais de xuño, será en xullo ou en agosto. Iso sería o lóxico", explicou. 

"O lóxico, se seguimos asi, é que este verán haxa turismo nacional", engadiu, "a Galiza estase preparando como un territorio seguro para recibir visitantes, sempre e cando veñan de territorios seguros".

Así, unha das razóns para pór as urnas en xullo é que hai menos posibilidade de que ese novo brote da COVID-19 teña comezado no país. O mesmo motivo polo que Feixoo opta por convocar as eleccións no verán e non no mes de setembro, cando se farían os catro anos exactos desde os anteriores comicios á Presidencia da Xunta. 

Comentarios