xoves 29/10/20

Ir a eleccións en alarma sería unha "temeridade", di Pontón

O BNG considera que as eleccións se han de realizar "con todas as garantías sanitarias e democráticas" e critica que Feixoo non priorice a saúde das galegas e galegos.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Europa Press)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Europa Press)

Para a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, sería unha “temeridade” convocar ás galegas e galegos ás urnas en pleno “estado de alarma”. Así se expresou esta terza feira, 12 de maio, en rolda de prensa, ao ser preguntada por Nós Diario sobre a posibilidade de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, poña as eleccións galegas no verán. 

 Para a líder nacionalista as preocupacións da cidadanía galega están no proceso de desconfinamento, en evitar que se  produzan repuntes e mais na crise económica e as súas graves consecuencias. Agora, remarcou Pontón, é máis necesario que nunca  “unidade” na loita contra a COVID-19.

Nese sentido, a nacionalista denunciou que "Feixóo rompe os acordos e que o seu interese partidista lévao a non considerar prioritario  garantir a saúde das galegas e galegos, conducíndonos a unhas eleccións a toda présa".

A líder do Bloque  reiterou  que “non é momento de eleccións” porque a situación que estamos a vivir require de que todos os Gobernos e Administracións se concentren na loita contra o coronavirus e na defensa da saúde. En caso de Feixoo "persista" na súa intención de ir a eleccións canto antes, matinou Pontón, o presidente "debería convocar os  partidos políticos” a unha reunión.

Nesa xuntanza o BNG trasladaría precisamente, segundo anunciou a nacionalista, a "temeridade que suporía ter elección en pleno estado de alarma. 

comentarios