A oposición critica que Feixoo fale de convocar eleccións en plena pandemia

O presidente galego vén de comunicar nunha rolda de prensa que se reunirá cos partidos da oposición para abordar unha convocatoria electoral que ficou adiada pola pandemia da COVID-19. As forzas políticas enteráronse pola Televisión de Galicia de que esa reunión se vai producir. 
Colexio electoral en Cerceda (Imaxe: Distrito Xermar).
photo_camera Colexio electoral en Cerceda (Imaxe: Distrito Xermar).

"Feixoo é o único galego que está pensando nas eleccións". Así resumiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o anuncio do presidente da Xunta sobre a súa intención de convocar as eleccións galegas no mes de xullo

"Evidénciase que a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral", subliñou tamén o líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero.

"Tiña que escoller entre a saúde dos galegos e galegas ou eleccións. Escolle o segundo. O BNG segue opinando que no medio dunha pandemia, cun estado de alarma, non se dan garantías sanitarias nin democráticas", incidiu Pontón na súa conta de Twitter.

O presidente galego vén de comunicar nunha rolda de prensa que se reunirá cos partidos da oposición para abordar unha convocatoria electoral que ficou adiada pola pandemia da COVID-19. Fíxoo mentres se producía unha reunión da Deputación Permanente no Parlamento da Galiza e o resto de forzas políticas enteráronse pola Televisión de Galicia de que esa reunión se vai producir esta quinta feira.

"Mentres se está celebrando un pleno da DP no Parlamento de Galicia, Feixoo, desprezando os mínimos democráticos, comparece na TVG para (1) ocultar o debate no Parlamento e (2) tratar de forzar eleccións no verán. Anuncia (por TV, claro) que convoca á oposición. Un demócrata", salientou o portavoz da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, a través do seu perfil de Twitter. 

"É altamente irresponsábel", recalcou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que incidiu en que Feixoo "non está pensando nas persoas que están inmersas agora nun ERTE, nin nas autónomas que non poden abrir os seus negocios" senón "só intentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia, que deixa os peores datos nas cuestións que son competencia da Xunta: o eido sanitario e as residencias de maiores".

"Feixoo non é de fiar", aseverou, para sinalar que está "rachando os acordos" que asinou coa oposición. "Firmou que as eleccións non se poderían convocar de novo até que se levantasen o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, e agora amosa que está disposto a saltarse calquera norma existente", censurou Caballero.

"Nunha democracia avanzada"

Desde as filas socialistas tamén Noelia Otero, que vai nas lista do PSdeG por Pontevedra, criticou que Feixoo queira "convocar eleccións en xullo esteamos ou non en estado de alarma". "Non hai máis preguntas señoría. Sorpresa pouca, pero xa vemos no que andaba pensando, dende logo non en saúde", evidenciou no seu Twitter. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que a intención do presidente da Xunta de convocar as eleccións galegas en "pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria" evidencia que "a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral". "É altamente irrespónsabel", manifestou nun comunicado remitido aos medios.

"Nunha democracia avanzada o presidente da Xunta chamaría ás forzas políticas, convocaría unha reunión, presentaría os informes que di ter, falaría algún experto en virus na reunión, escoitaría ás forzas políticas e despois anunciaría o que tivese que anunciar. O de hoxe é outra cousa", manifestou a viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, no seu Twitter. 

Estado de alarma

Ana Pontón avanzou que na xuntanza de mañá co presidente da Xunta defenderá que "é unha temeridade e unha irresponsabilidade" convocar eleccións durante unha pandemia "porque ninguén pode garantir que se produzan novos repuntes na fase de desconfinamento ou no mes de xullo". 

A líder do BNG criticou que Feixoo vaia "a rebufo" do lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, e lembrou que na Galiza foi asinado un acordo a través dun decreto publicado no DOG para convocar as elección tras o levantamento do estado de alarma, "ni un minuto antes nin un minuto despois". 

Comentarios