Eleccións

En Marea non concorrerá aos comicios galegos

O Consello das Mareas acordou na noite desta sexta feira que a formación non se presentará o vindeiro 5 de abril.
Imaxe de arquivo do Consello das Mareas (Nós Diario).
photo_camera Imaxe de arquivo do Consello das Mareas (Nós Diario).

O Consello das Mareas acordou na noite desta sexta feira que En Marea non se presentará as vindeiras eleccións galegas do 5 de abril ao "non se ter formado unha coalición ampla de forzas progresistas e soberanistas" e "asumindo a responsabilidade de non contribuír a aumentar a fragmentación da esquerda" na Galiza.

O máximo órgano de Goberno entre plenarios de En Marea lamentou a "falta de responsabilidade da esquerda na Galiza" e lembrou que "os pactos de coalición que se coñeceron nas últimas horas recordan o vivido durante os últimos catro anos: preocupación polos postos, pero non polo país".

En Marea apártase da carreira electoral xusto dous días depois da renuncia do seu líder, Luís Villares, que anunciou a pasada cuarta feira que abandonará a política cando rematen os seus compromisos na Deputación Permanente do Parlamento da Galiza. 

O Consello das Mareas, nun comunicado emitido a última hora desta sexta feira, considera que non presentarse as eleccións "é unha responsabilidade política que vai máis alá dos intereses do partido e que sitúa a necesidade da Galiza de cambiar de Goberno no primeiro lugar da súa decisión".

O Consello entende que non presentarse a unhas eleccións no país é unha "decisión de risco" para unha forza como En Marea, posto que "compromete a mesma finalidade da formación política". Con todo, salientou que a situación da Galiza "precisa de exercicios de responsabilidade que, en ocasións, vaian en contra dos intereses directos das formacións que se presentan".

Para En Marea, resulta "lamentábel" que o arco progresista e soberanista galego "non fose capaz de poñerse de acordo en artellar unha fórmula que ilusionara a Galiza e fixera real unha opción de cambio no Goberno da Xunta".
 
O Consello das Mareas valorou a situación dos últimos días na política galega como "moi ilustrativa" do momento. "Partidos de esquerda negociando postos en listas, en lugar de negociar programas de Goberno", salientan no seu comunicado. Para a formación, este "non é o xeito de facer política en ningún caso, pero moito menos na situación actual do país".

Comentarios