Feixoo quere eleccións aínda sen garantías sanitarias

Fiel ao seu estilo, malia anunciar en repetidas ocasións que as eleccións galegas non ían decorrer nunha situación de anormalidade sanitaria e que a súa data ía ser acordada coa oposición, o presidente da Xunta fixo pública a súa intención de facelas coincidir coas vascas. A confirmación dos comicios para xullo evidencia que as prioridades políticas de Alberto Núñez Feixoo veñen definidas polas urxencias electorais.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta desta quinta feira (Arxina).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Arxina).

decisión de convocar as eleccións galegas no mes de xullo facía parte da axenda de Alberto Núñez Feixoo desde a primeira semana de abril. Unha vez coñecidas as primeiras enquisas que revertían a tendencia á baixa do PP na Galiza, como consecuencia da perda de apoios dun PSOE erosionado pola súa xestión da crise sanitaria e económica, o presidente galego dáballe unha volta de torca á súa estratexia electoral e comezaba unha carreira para acelerar os comicios. De aí que encargase sondaxes semanais sobre intención de voto que abrían a posibilidade de reeditar a maioría parlamentaria.

Feixoo sempre estivo en campaña. O relato e a axenda do seu equipo durante estas semanas non deixaron dúbidas sobre as intencións do presidente galego, instalado nun discurso dirixido a ofrecer unha sensación de normalidade que favorecese unha rápida volta á actividade e a manter unha liña de confrontación co Executivo estatal que debilitase as posibilidades dunha alternativa na Galiza. A este respecto, Nós Diario xa adiantaba na segunda quincena de abril a vontade do mandatario galego de acudir ás urnas, fixándose naquela altura como data máis probábel para eleccións os dous últimos domingos de xullo ou o primeiro de agosto.

Feixoo racha o  acordado coa oposición

O presidente galego viuse obrigado a confirmar onte o adianto electoral como consecuencia do calendario marcado polo presidente vasco, Íñigo Urkullu. Feixoo decidiu anunciar xa a súa intención de convocar as eleccións en xullo co obxectivo de evitar as críticas da oposición en relación ao seguidismo ao lehendakari, unha vez que coñeceu que este tiña convocadas para hoxe as forzas políticas vascas para informalas das datas dos comicios en Euskadi. Tanto é así que a primeira hora da mañá de onte non estaba prevista ningunha comparecencia pública de Feixoo, concretándose a mesma con menos de tres horas.

As eleccións en xullo facían parte da axenda de Feixoo desde primeiros de abril

O presidente da Xunta citou para a tarde de hoxe os candidatos e candidatas á Presidencia do Goberno galego coa intención de "atopar unha solución consensuada sobre o mellor escenario para a realización dunhas eleccións no novo contexto da pandemia". Porén co anuncio de onte incumpriu o seu compromiso de pactar coa oposición unha nova data para os comicios. Após as negociacións para a suspensión das eleccións de abril, o presidente galego e as voceiras parlamentarias estabeleceran fixar por consenso o momento de acudir ás urnas, emprazándose para formalizalo ao levantamento do estado de alarma e á normalización da situación sanitaria.

As dúbidas sobre a legalidade do proceso xorden desde as filas da oposición pero tamén desde o ámbito xurídico, malia que a convocatoria está avalada por un voluminoso informe da asesoría legal da Xunta, o que indica que a data das eleccións estaba prevista desde había días. Neste sentido, desde o Goberno galego agárranse á modificación do estado de alarma, pactada por PSOE e PNV, que recolle que "a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento de eleccións convocadas a parlamentos de Comunidades Autónomas".

Unhas eleccións en emerxencia sanitaria

Feixoo decide acudir ás urnas aínda que dá por feito un rebrote da pandemia no país. Segundo o presidente galego, é posíbel un aumento dos contaxios no mes de xullo como consecuencia da actividade turística, porén, en contestación a unha pregunta formulada por Nós Diario, negouse a solicitar o feche e a blindaxe da Galiza, malia o risco que supón na evolución da pandemia.

As eleccións van decorrer nunha situación de emerxencia sanitaria. Os informes das especialistas, así como o da propia Consellaría de Sanidade, achegados pola Xunta da Galiza para xustificar a súa decisión de levalas a xullo recoñecen os riscos da data elixida. No caso do elaborado por Sanidade e asinado polo director xeral de Saúde Pública e polo subdirector xeral de información sobre a Saúde e Epidemioloxía, ambos os dous cargos de designación política, sinálase que se deberán "estabelecer medidas ad hoc, tanto nos colexios electorais como na propia campaña electoral, para garantir a seguridade das participantes no proceso electoral".

O propio ministro de Sanidade, Salvador Illa deixaba caer onte as súas dúbidas en referencia á posibilidade de organizar os comicios na Galiza e en Euskadi. A este respecto, afirmou que "nesta fase hai que actuar con moita prudencia, segundo os datos dos distintos territorios do Estado. Estou seguro de que hoxe todo o mudo actuará coa máxima prudencia e veremos se a evolución da epidemia nos permite que nun horizonte próximo teñan lugar as eleccións, cousa que eu desexaría, porque significaría que seguimos neste camiño de vencer a epidemia".

Comentarios