Feixoo chama a tomar "solucións urxentes e inmediatas" ante a "insostíbel" situación do PP

O presidente do Goberno galego segue sen desvelar se se presentará a liderar o Partido Popular.
Imaxe de arquivo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Imaxe de arquivo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que é o momento de tomar "solucións urxentes e inmediatas" para intentar solucionar a "insostíbel" situación que "vive o Partido Popular (PP) no conxunto do Estado español.

O rexedor popular, que participou durante a mañá nun acto axendado cunha empresa de Ourense, parouse ante os medios de comunicación para dar a súa visión sobre o sucedido nos últimos días no seo da súa formación política, desde o peche do expediente informativo a Isabel Díaz Ayuso até a manifestación de 3.000 persoas que tivo lugar este domingo fronte a Génova 13.

"Eu hoxe non veño a falar de min, senón do meu partido político e de España"

"Nós pedimos que se reunirán, e así o fixeron, mais é evidente que non foi suficiente", lamentou Feixoo, quen asegurou que chegados a este punto, "cómpre adoptar solucións urxentes, porque nos xogamos o futuro non só do PP, senón da democracia".

Preguntado por cales son esas solucións urxentes, Feixoo afirmou que "ao igual que outros líderes rexionais", xa lle trasladara no día de onte ao presidente estatal do Partido Popular, Pablo Casado, a súa postura, e que agora é o momento de que a dirección do PP "reflexione" para tomar unha decisión "canto antes".

"Lealdade" a Pablo Casado

Cuestionado por se a solución da formación política pasa pola constitución dun Congreso urxente do partido, insistiu en que el só lle traslada a súa postura a Pablo Casado pola "lealdade" ao líder do PP.

Feixoo non quixo desvelar se estaría disposto nunha hipotética situación a presentar a súa candidatura para dirixir o Partido Popular. "Eu hoxe non veño a falar de min, senón do meu partido político e de España", engadiu.

"Hai que tomar decisións xa, decisións difíciles, pero hai que facelo xa, porque estamos nunha situación insostíbel", asegurou o presidente da Xunta.

Comentarios