Casado segue o consello de Feixoo e senta a falar con Ayuso, mais sen éxito

Casado e Ayuso manteñen as espadas en alto após unha xuntanza na que o presidente do PP proporía á presidenta da Comunidade de Madrid levantarlle o expediente informativo a cambio dunha declaración na que admitise que non houbo espionaxe.
O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O líder do PP, Pablo Casado, decidiu facer caso ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo, e convocou a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a unha reunión na sede do partido para "buscar unha solución", aínda que fontes coñecedoras da mesma recoñeceron que foi "infrutuosa".

O encontro produciuse após a presión a Casado por parte dos 'baróns' territoriais e outros cargos do partido para que busque unha saída canto antes a este conflito interno que está a causar un "un dano irreparábel" á formación.

De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pedira a Casado que sentase a falar con Ayuso para que non sexa necesario "chegar a un congreso para solucionar un problema".

"Todos estamos con Casado, pero este asunto debe resolvelo sentando con Ayuso e dándolle unha solución ao partido, porque o partido non merece a situación na que está neste momento", proclamou o 'barón' galego.

Moitos dirixentes do partido piden a saída do secretario xeral do PP,  Teodoro García Egea, pola forma na que xestionou este enfrontamento entre 'Xénova' e  Ayuso, que vén de lonxe mais estoupou de forma virulenta esta cuarta feira con acusacións de suposto espionaxe e corrupción.

A proposta de Casado

Esa reunión entre Casado e  Ayuso na sede nacional do partido na rúa Xénova para buscar unha solución estendeuse varias horas, pero non terminou cun acordo que poida poñer fin a esta grave crise interna do PP. De feito, fontes próximas á presidenta madrileña admitiron que foi unha "reunión infrutuosa".

Estas mismas fontes indicaron que o líder do PP propúxolle á presidenta da Comunidad de Madrid levantarlle o expediente informativo que lle abriu a dirección nacional do partido a cambio de que ela aceptase dicir nun comunicado que "non fora investigada polo PP".

O PP estatal, pola súa parte, emitiu un breve comunicado informado dese encontro, pero non ofrece detalles do mesmo e só asegura que o partido "lamenta os acontecementos dos últimos días".

Ademais, engade que "seguirá defendendo xunto a todos os militantes o mellor proxecto de futuro para España".

Comentarios