Análise

Feixoo, o candidato de Jiménez Losantos a presidir o PP

O conflito aberto no Partido Popular continúa medrando. Mentres Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso se reafirman nas súas posicións, Alberto Núñez Feixoo déixase querer por uns e por outros. O influínte comunicador da dereita Federico Jiménez Losantos é un dos últimos en apoiar a candidatura do mandatario galego á presidencia da formación conservadora.

E_alberto_nunez_feijoo_presidente_pp_pablo
photo_camera Feixoo, Casado, Mañueco e Ayuso no feche da campaña electoral de Castela e León.(Foto:Europa Press).

Os movementos sucédense a un ritmo vertixinoso no Partido Popular. A un lado, os principais dirixentes da formación acoden aos medios de comunicación para facer pública a súa posición no conflito, tomar partido por un dos bandos en confronto e asentar a súa versión dos feitos. Ao outro lado, mantéñense contactos discretos entre as máis significadas referencias da organización para buscar unha alternativa que desactive o conflito.

Alberto Núñez Feixoo combate nas dúas frontes. Tanto é así que fontes internas do PP sitúan o mandatario galego dentro dunha operación dirixida a pór o partido en mans dunha xestora diante dunha previsíbel caída de Pablo Casado, un dirixente moi debilitado e que só contaría co apoio do barón murciano, Fernando López Miras, persoa do círculo de confianza de Teodoro García Egea, cuxa dimisión solicitaron onte nos seus editoriais os dous principais xornais da dereita española, ABC e El Mundo.

Federico Jiménez Losantos acolleu nesta sexta feira no seu programa de Esradio ao presidente galego. Feixoo non desaproveitou a súa presenza nunha das canles de radio máis influentes da dereita española para presentarse como unha terceira vía fronte ao binomio Casado e Ayuso. “Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso teñen que sentaren sós, sen intermediarios, e dar unha solución a ese problema que se creou neses círculos e ao que os demais asistimos atónitos”, aseverou Feixoo. O presidente galego reservou durante a conversa os seus cariños para a mandataria madrileña e enviou as cargas de profundidade ao aínda máximo líder dos populares. Nesta liña culpou a dirección do partido da xestión do conflito, “non se pode actuar para acrecentar o problema, a dirección dun partido non está para ampliar os problemas, está para arranxalos” e incidiu en que “cando alguén mete a pata e cando a mete profundamente, ten que emendalo”.

Jiménez Losantos aproveitou a entrevista para expresarlle o seu apoio a Feixoo como sucesor de Casado e para animalo a relevalo como presidente do PP. A opinión do comunicador máis seguido polas bases da dereita máis extrema non é nova e, de feito, nos últimos meses leva expresando esta idea no marco do litixio aberto na formación conservadora pero tamén desde o convencemento entre boa parte do PP e do poder económico da incapacidade de Casado para liderar un proxecto gañador no Estado.

Feixoo e Losantos non sempre pensaron o mesmo, porén neste momento partillan o obxectivo de armar unha alternativa fronte á actual dirección do PP. O primeiro para ter opcións de facer efectivo o soño de presidir o Goberno do Estado, o segundo, en tanto representante dos sectores económicos referenciados no PP madrileño, para garantir un Executivo dócil co “capitalismo de amiguetes” que manda na capital do Estado.

Comentarios