Feixoo, sobre a guerra interna no PP: "É rocambolesco e sorprendente"

Martínez-Almeida nega o uso de fondos do Concello para espiar Isabel Díaz Ayuso, mentres PSOE, Ciudadanos e Recupera Madrid piden investigar uns feitos que a presidenta madrileña ten "moi claros".
José Luis Martínez-Almeida, Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).
photo_camera José Luis Martínez-Almeida, Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, urxiu esta quinta feira a que alguén dea "explicacións" nas "próximas horas" sobre un feito "tan rocambolesco e sorprendente" como a suposta contratación dunha axencia de detectives para espiar á presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

"A noticia ten un contido tan rocambolesco, tan sorprendente, que require dunha explicación, e espero que esa explicación se dea nas próximas horas", manifestou, en declaracións a Onda Cero.

Para Núñez Feixoo resulta "absolutamente sorprendente que alguén contrate un detective" para conseguir unhas facturas que as administracións deben facer públicas no Portal de Transparencia. "Cústame crer algunhas cuestións" que "non parecen verosímiles", sinalou o mandatario galego, para reiterar a necesidade dunha explicación "inmediata, clara e precisa" sobre o acontecido.

En concreto, as informacións aparecidas nas últimas datas apuntan a que en decembro se avisou a Díaz Ayuso de que unha axencia de detectives recibira un encargo da Empresa Municipal da Vivenda e Solo (EMVS) do Concello de Madrid para investigar o seu irmán, coa fin de tentar acreditar a posíbel cobranza de comisións a cambio de contratos públicos durante a pandemia.

Preguntado por esta información, Núñez Feixoo explicou que "unha factura dun servizo de saúde hai que colgala no Portal de Transparencia". "Sería unha broma contratar alguén para que revise o Portal de Transparencia dunha comunidade autónoma", declarou. Con todo, dixo descoñecer os feitos, que viu na prensa e que o PP "desmentiu" nun comunicado.

Martínez-Almeida nega as acusacións

O portavoz estatal do PP e alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, negou esta quinta feira que se tivese producido unha reunión entre un traballador da EMVS e un detective para investigar a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e os seus familiares.

"Unha vez feitas as investigacións, concluímos que o detective nega a reunión, que o traballador nega a reunión, que non hai ningún contrato e non se puido producir ningún encargo nin ningún pago con diñeiro público do Concello para obter información desa natureza", expresou, nunha comparecencia na que non respondeu preguntas como portavoz nacional do PP.

Esta suposta espionaxe ao irmán da presidenta madrileña desde a EMVS reabriu a guerra interna que manteñen a dirección estatal do PP e o equipo de Díaz Ayuso.

Pola súa parte, o grupo municipal Recupera Madrid vén de solicitar a apertura dunha comisión de investigación destes feitos que conta co apoio de Ciudadanos, socio do PP no Goberno. "A día de hoxe os feitos non están probados", dixo a líder laranxa, Begoña Villacís, que tamén lamentou que se lle ocultase a investigación mencionada por Martínez-Almeida. Tamén o PSOE pedirá á Fiscalía que investigue o acontecido.

"Se non o tivese tan claro, se non soubese que estou a facer as cousas con cabeza, corazón e honradez non o diría con tanta claridade, porque sería fácil de demostrar", esgrimiu Díaz Ayuso. Segundo subliñou, "non van atopar nada por moito que busquen".

Comentarios