BNG e PSdeG lembran que Feixoo "non cobra por solucionar as liortas internas do PP"

Ana Pontón salienta que o presidente da Xunta "aínda non dixo se lle parece normal que Ayuso adxudicase en plena pandemia un contrato a dedo a unha empresa que pagou ao seu irmán unha 'mordida'", mentres Luís Álvarez insta Núñez Feixoo a "aclarar"  que vai facer para "reparar o inmenso dano que o PP causou á democracia".
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta e do PPdeG, e Luís Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE (Fotos: Europa Press - Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta e do PPdeG, e Luís Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE (Fotos: Europa Press - Nós Diario).

Os ecos da crise interna no Partido Popular (PP) resoan no Parlamento da Galiza por mor do papel que está tomar no conflito o presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feixoo, a quen a prensa estatal sinala como a figura chamada a tomar as rendas da formación; cando menos, até a convocatoria dun congreso extraordinario.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cuestionou na mañá desta segunda feira o protagonismo de Núñez Feixoo nesta polémica: "Se até agora tiñamos un presidente sen alternativas e sen propostas de país para solucionar os problemas dos galegos e galegas, que pasará cun presidente que está máis preocupado por resolver as liortas internas do PP e máis pendente do seu futuro persoal que en atender os problema da Galiza, que é para o que se lle paga?".

Así, a nacionalista incidiu en que o deber do presidente do Goberno galego non é "solucionar a guerra interna do PP" nin "tapar a corrupción" no seo do seu partido, senón "dar alternativas aos problemas que teñen [as galegas e galegos], que son moitos".

Nesta liña, lamentou a falta de contundencia nas declaracións de Núñez Feixoo en relación ao suposto delito de tráfico de influencias por parte da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que xa está en mans da Fiscalía. "A día de hoxe aínda non sabemos se a Feixoo lle parece normal que en plena pandemia a señora Ayuso adxudique un contrato a dedo a unha empresa que termina pagándolle unha 'mordida' ao seu irmán", criticou Pontón.

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, abordou esta cuestión na súa rolda de prensa semanal. A respecto do conflito entre Díaz Ayuso e o presidente da formación no Estado español, Pablo Casado, o socialista sinalou que este é "un PP destrutivo e, polo que se ve, autodestrutivo".

Esta situación, insistiu, "representa que o PP, no que se integra o PP da Galiza aínda que pretendan ocultalo, concibe a política como unha repartición de poder, e non como un servizo público á cidadanía, polo que é a antipolítica".

O PP, dixo Álvarez, "radicaliza a súa linguaxe sen importar o dano que causa na credibilidade e o respecto ás institucións, algo que dana profundamente o sistema democrático", en alusión ás criticas dos conservadores á xestión dos fondos europeos por parte do Goberno estatal.

En consecuencia, o deputado do PSdeG instou Núñez Feixoo a explicar "con claridade" que vai facer para "reparar o inmenso dano" que, segundo denunciou, o PP causou á democracia.

Comentarios