CIS de febreiro: o BNG mantense e o PSOE aumenta a súa distancia sobre o PP

A enquisa realizouse nos once primeiros días de febreiro, en plena polémica polas excarceracións despois da aplicación da Lei de Liberdade Sexual ou do 'Só Si é Si' que enfronta os dous socios á fronte do Goberno español.
Gráfica co CIS do mes de xaneiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gráfica co CIS do mes de xaneiro (Foto: Nós Diario).

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) en febreiro volve situar na cabeza a nivel estatal o PSOE, cunha suba de case dous puntos sobre o mes de xaneiro e ampliando a 2,3 puntos a súa vantaxe sobre o PP, que repite como o partido con máis votantes xa decididos. O BNG mantense en 0,6% de intención de voto.

En concreto, o CIS atribúe ao PSOE unha estimación de voto de 32,1% fronte a 29,8% do PP, mentres que Vox repite en 10%, igual que o mes anterior. Quen, segundo o CIS perde fol é Unidas Podemos, que baixa do 14,2% de xaneiro a un 12,7% en febreiro.

A enquisa realizouse nos once primeiros días de febreiro, en plena polémica polas excarceracións despois da aplicación da Lei de Liberdade Sexual ou do 'Só Si é Si' que enfronta os dous socios á fronte do Goberno español.

Voto directo

Se mañá mesmo decorresen as eleccións, o PP tería máis votantes pois un 22,7% dos enquisados polo CIS xa adiantan o seu apoio a Alberto Núñez Feixoo fronte a 22,1% de entrevistados que teñen decidido apoiar o PSOE.

7,3% avanza abstención. O PP xa gañou en voto directo o mes pasado e con máis marxe, mais nesta lexislatura o habitual viña sendo que os socialistas encabezasen esta táboa.

A quen non se pronuncian ante esa pregunta directa -13,3% non sabe, 4,8% non contesta, 3,6% di voto en branco e 1,5% fala de voto nulo-, pregúntaselles polo partido que se lles fai máis simpático e aí a suma co voto directo xa dá a vitoria ao PSOE 25,7% en voto+simpatía por 24,4% do PP.

ERC e Cs con resultados similares

A terceira praza, que nas xerais de 2019 logrouna Vox e que no CIS sempre foi para Unidas Podemos, volve ser para a formación morada cunha estimación de voto de 12,7%, pero experimentan un retroceso de punto e medio respecto a xaneiro.

Trátase da mesma porcentaxe co que sacaron 35 deputados nas últimas eleccións.

Vox repite o 10% da enquisa de xaneiro, lonxe do 15% que logrou nas urnas en 2019, mentres que Ciudadanos (Cs) sofre unha severa caída tras a súa asemblea de refundación, na cal Inés Arrimadas deu paso a Patricia Guasp, e agora só se lle atribúe un respaldo en todo o Esatdo de 2%, o mesmo que ERC en Catalunya.

A coalición de máis País-Equo e Compromís, a quen desde decembro se computan por separado, sumaría 1,3%.

En Euskal Herria Bildu supera o PNV (1,1% fronte a 0,8%).

Comentarios