Unha macroenquisa do CIS indica unha suba do BNG e dá ao PSOE como gañador nas xerais

Unha macroenquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre tendencias de voto en municipais e estatais, dada a coñecer esta sexta feira, a sete meses dos comicios locais indica unha subida do BNG en ambos os comicios
O barómetro do CIS indica unha suba do BNG (Foto: Europa Press).
photo_camera O barómetro do CIS indica unha suba do BNG (Foto: Europa Press).

Unha macroenquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre tendencias de voto en municipais e estatais, dada a coñecer esta sexta feira, a sete meses dos comicios locais indica unha subida do BNG en ambos os comicios e sitúa o PSOE por diante de todos os demais partidos cunha vantaxe sobre o PP de seis puntos nas municipais e tres na estatais.

En concreto, a súa estimación de voto nunhas eleccións estatais outorga ao PSOE unha porcentaxe de apoio de 32,9% fronte ao 29,5% do PP, 11,5% de Unidas Podemos e 9,3% de Vox.

En canto ao BNG, nunhas xerais obtería o 0,9% do voto válido emitido, tres décimas máis que o último barómetro do CIS publicado a comezos de outubro. Ademais, case duplicaría o resultado dos comicios estatais de novembro de 2019, nos que obtivo un escano no Congreso co 0,5%.

Nun escenario de eleccións municipais, o PSOE mantense cunha estimación de voto de 32,8%, mentres que o PP baixa a 26,8%, Unidas Podemos a 8,7% e Vox a 5,9%.

Nos comicios locais, o BNG conseguiría 1,3% dos votos emitidos en todo o Estado (a macroenquisa do CIS non inclúe datos desagregados por comunidades ou concellos), que implicaría por volta de medio punto máis que nas municipais de maio de 2019, nas cales obtivo 0,83%.

O número de entrevistas

O estudo baséase en 5.557 entrevistas telefónicas realizadas a electores de 1.488 municipios de todo o Estado, entre os días 11 e 26 de outubro. O traballo de campo arrincou a véspera do 12 de outubro e coincidiu co segundo debate entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo no Senado, e fechouse coa primeira xornada do debate de totalidade dos Orzamentos no Congreso.

Se mañá tiveren lugar unhas eleccións xerais, hai un empate en voto directo entre os dous grandes partidos, pois 22,9% adianta o seu apoio a Pedro Sánchez e 22,6% a Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios