Parlamento

O PP veta a proposta do BNG para remudar o director da CRTVG por reforma da lei

Alfonso Sánchez Izquierdo leva anos no cargo co mandato caducado.
Votación no pleno da proposición do BNG para reformar a CRTVG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Votación no pleno da proposición do BNG para reformar a CRTVG. (Foto: Europa Press)

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil, defendeu esta terza feira a proposta lexislativa para modificar a lei da CRTVG, un cambio co que, entre outras cuestións, a formación nacionalista quere que se elixa o director da corporación de forma "democrática".

"O que propón o BNG é democracia, transparencia, luz e taquígrafos", manifestou Rodil na quenda de réplica, na que respondeu á elección do director xeral actual, Alfonso Sánchez Izquierdo, cuxo mandato está caducado desde hai varios anos. A elección de Sánchez Izquierdo fíxose en 2009 baixo o primeiro goberno de Alberto Núñez Feixoo, unha elección que o daquela líder popular na Galiza defendera que tiña o visto e prace do PSdeG, dirixido entón por Pachi Vázquez.

Con todo, os socialistas publicamente negaron que houbese ese acordo, o cal chegou a ser tachado de "falsidade" por parte do ex presidente galego, quen se reafirmou en que se pactara con carácter previo.

Daquela, un BNG dirixido no Parlamento por Carlos Aymerich censurou que non foran chamados para tratar de acordar o nome. Nesa mesma lexislatura reformouse a lei que hoxe en día está vixente, unha negociación parlamentaria convulsa que rematou cun pacto de PPdeG e PSdeG, que votaron conxuntamente a normativa en 2011, co 'non' da formación nacionalista.

No debate desta terza feira, a portavoz do PP, Raquel Arias, esgrimiu os datos de audiencia da CRTVG para afirmar que estes "avalan" a xestión dos medios públicos galegos, mentres a deputada socialista Noelia Otero afeou, de novo, situacións como a sentenza de "vulneración de dereitos" dun traballador que transcendeu recentemente.

O pasado 31 de xaneiro, en comisión parlamentaria, o director xeral da CRTVG, defendeu que é "incuestionábel" a súa lexitimidade á fronte da corporación pública, cargo no que leva desde a chegada do PP á Xunta en 2009, xa que destaca que é "potestade" do Parlamento galego conseguir unha maioría de dous terzos necesaria para o cambio.

Así as cousas, a proposición lexislativa impulsada agora polo BNG contou cos votos favorábeis da propia bancada nacionalista e mais do PSdeG, e o 'non' dos 42 deputados do grupo maioritario.

Comentarios