Congreso

Dimite o deputado do PSOE Odón Elorza, crítico coa dirección: "As miñas ideas xa non resultan útiles"

O parlamentario donostiarra fora un dos 15 integrantes do grupo socialista que votaron "non" á investidura de Mariano Raxoi en outubro de 2016.
Odón Elorza foi nas últimas citas electorais o cabeza de lista do PSE-EE por Gipuzkoa. (Foto: Unanue / Europa Press)
photo_camera Odón Elorza foi nas últimas citas electorais o cabeza de lista do PSE-EE por Gipuzkoa. (Foto: Unanue / Europa Press)

O deputado socialista Odón Elorza vén de anunciar á dirección do PSOE e aos seus compañeiros de grupo no Congreso a renuncia ao seu escano, ao considerar que as súas ideas "xa non son útiles" no partido. Así o fixo público esta segunda feira, perante unha carta aberta na que informa de que fará efectiva a decisión esta terza feira, día 31.

"Esta renuncia pretende ser un xesto de lealdade ao Partido Socialista e, á vez, de coherencia cos meus ideais. Desexo gozar da vida con máis tempo e liberdade, sen outra disciplina que a ditada polas miñas conviccións", apunta neste escrito.

Neste senso, xustifica a súa dimisión argumentando que pretende "evitar desencontros" coa cúpula socialista. "Desculpade se vos fallei algunha vez e se a miña voz desafinou. Constatei que as miñas achegas e iniciativas parlamentarias, como portavoz de Constitucional, xa non resultan útiles desde hai un tempo ao Grupo Socialista", lamenta.

Con todo, o político vasco, alcalde de Donostia entre 1991 e 2011, asegura que como militante socialista seguirá "confiando no Goberno de coalición de esquerdas e nas súas políticas socio-económicas, fiscais e redistributivas fronte á crise".

"Contade tamén co meu compromiso de loita activa en defensa da Democracia ante ao avance dunha dereita reaccionaria e trumpista, así como en defensa dos dereitos cívicos en San Sebastián", precisa.

Elorza, que a finais do pasado ano perdeu as primarias fronte ao 'aparato' do partido para ser candidato do PSE-EE á Alcaldía donostiarra, desmarcouse da dirección do grupo en asuntos puntuais. A última vez que foi multado debeuse a non apoiar os candidatos que PSOE e PP pactaran para o Tribunal Constitucional.

"Non" a Raxoi

Aliás, Odón Elorza fora un dos 15 parlamentarios socialistas que votaron "non" á investidura de Mariano Raxoi en outubro de 2016 a pesar de decantarse o Comité Federal do PSOE pola abstención, unha medida que precipitou daquela a saída de Pedro Sánchez. Poucos días despois, o deputado vasco ratificou a súa posición: "Non me arrepinto de votar non a Raxoi tras un mes no que se sacrificou o proxecto do PSOE por un desbloqueo que controla o PP".

Comentarios