CIS de xaneiro: o PP adianta en voto directo o PSOE, que aínda lidera na estimación

O BNG mantén o resultado da enquisa de decembro, cunha intención e estimación de voto de 0,6%.
Estimación de voto do CIS de xaneiro. (Infografía: Europa Press)
photo_camera Estimación de voto do CIS de xaneiro. (Infografía: Europa Press)

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xaneiro sitúa o PP en cabeza en voto xa decidido, superando en cinco décimas o PSOE, se ben os socialistas manteñen unha vantaxe de 1,7 puntos na estimación de voto realizada polo organismo público.

En concreto, o CIS dá ao PSOE unha estimación de voto de 30,2%, catro décimas menos que o mes anterior, mentres o PP recibe un apoio de 28,5%. A enquisa segue situando Unidas Podemos como terceira forza política, e mesmo lle atribúe un incremento de 2,4 puntos no último mes e calcula un voto de até 14,2%.

O cuarto lugar é para a ultradereita de Vox, formación á que dá unha estimación de votos de 10%, cinco puntos por baixo do seu resultado electoral de 2019, cando era a terceira forza máis votada.

Pola súa parte, o BNG iguala os resultados formulados polo CIS de decembro cun voto directo de 0,6%, cifra idéntica á estimación de voto, namentres ERC fica á cabeza das forzas nacionalistas do Estado cunha estimación de 2,2% sobre o total, só sete décimas menos que Ciudadanos.

A Esquerra séguea Junts, con 1,4% do voto estimado, namentres Pacma acada 1,2%; Máis País, 0,9%; PNV, 0,8%, Compromís, 0,8%; EH Bildu, 0,8%, CUP, 0,7%; Navarra Suma, 0,7%; Coalición Canaria, 0,2%; PRC, 0,2%, e Teruel Existe, menos de 0,1%.

Preocupacións da cidadanía

O CIS reflicte un incremento de cinco puntos na preocupación xerada pola crise económica, principal problema a nivel estatal, con 45,2% de mencións na enquisa de xaneiro. O paro repite en segundo lugar (27,4%) e os problemas políticos sitúanse en 2,6 puntos, na terceira posición, cun rexistro de 25%. Tamén hai máis preocupación pola saúde, que xa acumula unha cuarta parte como cuarto problema (17,2%).

Este é o primeiro barómetro tras a crise institucional que enfrontou o Tribunal Constitucional coas Cortes pola reforma que pretendía a renovación do órgano de garantía e a aprobación das novas penas polo delito de prevaricación. Ante a suba de cinco puntos das mencións á crise económica, a preocupación polo desemprego caeu seis décimas en xaneiro e achégase cada vez máis ao terceiro problema, o político, cuxas referencias aumentaron 1,8 puntos e marca un 25% de récord.

Pola súa parte, a saúde pasa do 15 ao 17,2%. E os políticos aparecen citados nas dúas seguintes posicións da lista de problemas no Estado español. En concreto, o seu mal comportamento sitúase no quinto lugar (14,5%), e o sexto é para o Goberno e os partidos (10,9%), ambos con leves descensos con respecto ao mes anterior.

O sétimo problema é, segundo este estudo, o cambio climático, con 9,7%, que está moi por baixo da marca de 14,6% que alcanzou en setembro tras os incendios do pasado verán. O CIS incluíu unha pregunta específica sobre este fenómeno que revela que preocupa a 78,3%, fronte ao 20,4% que non lle preocupan os seus efectos.

Coincidindo coa aprobación da redución das sancións por malversación, a percepción da corrupción e a fraude como problema medrou (1,1 puntos), aínda que continúa en niveis baixos (5%, duodécima posición). Nos últimos días de 2022 e primeiros de 2023 producíronse varios asasinatos de mulleres a mans das súas parellas e exparellas, o que provocou un incremento de 1,2 puntos nas mencións á problemática da violencia machista nesta enquisa, malia que só se menciona en 2,7% dos cuestionarios.

E a crise económica tamén encabeza a lista de problemas persoais (45,2%), namentres en segundo lugar fica a sanidade (22,5%), seguida do paro (16,1%), a calidade do emprego (11,8%) e os problemas políticos en xeral (11,7%).

A respecto da situación económica, é mala ou moi mala para o 64,7% (fronte ao 68,3% de decembro) e boa ou moi boa para o 23,8% (3,4 puntos máis que no primeiro barómetro). O 20,1% confesa ter dificultades económicas, mentres que o 67,7% sostén que as súas contas gozan boa saúde.

Comentarios