O BNG propón que o Congreso convide Brahim Ghali "como xesto de apoio á causa saharauí"

O BNG vén de presentar unha proposición non de lei para que se convide ao líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, a intervir ante o Pleno do Congreso dos tras o apoio brindado polo Goberno ao plan de autonomía para o Sáhara proposto por Marrocos.
Néstor Rego urxiu no "Congreso a cumprir coa Galiza" (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).

O texto presentado polo Grupo Plural a instancia do deputado de BNG Néstor Rego propón convidar a Brahim​ Ghali, quen tamén é presidente de autoproclamada República ÁrabeSaharaui Democrática (RASD), a intervir ante o Pleno "como xesto de apoio á causa saharauí e a unha solución xusta e duradeira ao conflito xerado pola ocupación marroquí, sobre a base das resolucións da ONU, que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade".

A proposta foi presentada un día despois da intervención do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, ante as Cortes Xerais e un día antes de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, viaxe a Rabat para reunirse co rei Mohamed VI co fin de deixar atrás a crise diplomática e iniciar unha nova etapa na relación bilateral.

Legalidade internacional

Na súa exposición de motivos, o BNG defende que "o Sáhara Occidental é un pobo ocupado desde hai máis de 150 anos", primeiro por España e desde 1975 por Marrocos e sostén que "o Estado español debeu descolonizalo, recoñecendo a súa independencia".

Así mesmo destaca a loita pola liberdade emprendida pola Fronte Polisario desde a súa fundación en 1973 e lembra que en 1976 proclamouse a RASD, "recoñecida por máis de 80 estados e membro da Unión Africana".

"Na súa loita, o pobo saharauí non só ten do seu lado a razón, tamén a legalidade internacional" ademais de contar "coa simpatía e o apoio dos pobos do mundo, que valoran e aplauden a dignidade coa que o pobo saharauí resiste e mantén a súa aspiración para vivir en paz e en liberdade na súa propia terra, nun estado soberano", reivindica o BNG.

Responsabilidade histórica

Na súa opinión, "o Estado español, ten unha responsabilidade histórica co pobo saharauí", de aí que "a única posición razoábel é apoiar todos os esforzos para desbloquear o referendo de autodeterminación para permitir que o pobo saharauí  decida libremente o seu propio futuro".

O BNG lembra que nos distintos debates sobre a cuestión no Congreso foi palpábel "o respaldo maioritario das forzas políticas a unha solución xusta e duradeira, sobre a base das resolucións da ONU, que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade.

Así, considera "de xustiza" que o Congreso convide a Ghali a intervir ante o seu Pleno "como xesto de apoio á causa saharauí e para escoitar unha voz digna en defensa da liberdade, a democracia e os dereitos do pobo saharauí e de todos os pobos do mundo", de aí a súa proposta para o seu debate en sesión plenaria.

Comentarios