O BNG insta Sánchez a "respectar a legalidade internacional" no conflito do Sáhara

Néstor Rego critica que o Goberno español avale "o envío de armas a Ucraína para defender a soberanía do país fronte ao invasor ruso" mentres no caso do Sáhara "fica do lado do invasor marroquí e deixa abandonado o pobo invadido".

Néstor Rego e Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Fotos: Nós Diario - Eduardo Parra/Europa Press).
photo_camera Néstor Rego e Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Fotos: Nós Diario - Eduardo Parra/Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno de Pedro Sánchez a "rectificar a decisión sobre o Sáhara Occidental e a "respectar a legalidade internacional", así como a dar cumprimento ás resolucións da ONU ao respecto.

Neste senso, apuntou que o Bloque mantén o seu posicionamento a prol do dereito de autodeterminación do pobo saharauí. Así, os nacionalistas apoiarán as mobilizacións convocadas para esta sexta feira na Galiza como mostra de solidariedade.

A "viraxe" do Goberno sobre o conflito do Sahara supón "unha nova traizón" do Estado español ao pobo saharuí, dixo Rego, que lembrou que non é a primeira ocasión en que o Estado español "traizoa" o pobo saharauí, xa que en 1975, no canto de "garantir o proceso de independencia e a soberanía" do Sáhara Occidental, "cedeu ás presións" marroquís e "facilitou" que fose dividido entre Marrocos e Mauritania.

"Chamamos o Goberno a rectificar esta posición imprudente e inxusta e a manterse do lado da legalidade internacional, que é o cumprimento das resolucións da ONU para avanzar no proceso de autodeterminación do Sahara Occidental", sinalou o deputado.

Aliás, subliñou que a legalidade internacional recolle a realización dun referendo, previsto desde hai máis de 40 anos. Rego tamén puxo de manifesto a posibilidade dun conflito con Alxeria, desde o punto de vista económico e político, tendo en conta que é o país principal fornecedor de gas a España e nun momento de especiais dificultades económicas.

Para o deputado nacionalista, a actuación do Executivo estatal alén de "inxusta" é "hipócrita", xa que ao mesmo tempo que defende a necesidade de "enviar armas a Ucraína para defender a soberanía do país fronte ao invasor ruso", no caso do Sáhara "fica do lado do invasor marroquí e deixa abandonado o pobo invadido".

Cómpre lembrar a este respecto que esta mesma cuarta feira deuse a coñecer o contido íntegro da misiva que Sánchez enviou ao rei de Marrocos, Mohamed VI, para gabar a proposta marroquí de autonomía presentada en 2007, que ao seu xuízo é "a máis seria, críbel e realista para a resolución deste conflito".

Comentarios