Zelenski, no Congreso español: "Estamos en 2022 pero parece Gernika en 1937"

O presidente ucraíno reclamou, por videoconferencia, máis armamento para Ucraína e máis sancións para Rusia.
Intervención de Zelenski no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Intervención de Zelenski no Congreso. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, interviu na tarde desta terza feira ante o Congreso español, nunha comparecencia telemática na que comparou a situación de guerra que vive o seu país cos bombardeos en Gernika de 1937, durante a Guerra Civil española, a pesar de que ambos os casos, a nivel político, non teñen demasiado en común.

Na súa intervención, que comezou cun lixeiro retraso, o dirixente ucraíno asegurou que en Ucraína "está ameazada toda a vida común"  da poboación.

Zelenski acusou Rusia de levar a guerra a Ucraína en 2014, coa "ocupación de Crimea", e sinalou que ante iso están a "defender o seu Estado contra esa agresión, a maior desde a Segunda Guerra Mundial".

Segundo o presidente ucraíno, o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, quere "destruír a nosa posibilidade (de Ucraína) de vivir sen ditadura, a nosa posibilidade de ser unha democracia aberta".

"Horrores" da guerra

Zelenski fixo referencia aos "horrores" da guerra, e sinalou que, pese a estar en 2022, Ucraína está como Gernika en abril de 1937, cando foi bombardeada por cazas enviados polo fascismo italiano e alemán.

Ao igual que na súa comparecencia no Congreso dos Estados Unidos (EUA), na que lembrou o bombardeo xaponés de Pearl Harbor, Zelenski tratou de sensibilizar a sociedade do Estado español traendo á memoria o que é considerado o primeiro ensaio de guerra total da historia, pese a que non manteña relación coa actual situación de Ucraína.

"Quedan só ruínas nas nosas cidades ocupadas, 90% dos edificios están derruídos. Os rusos bombardean lugares nos que saben que hai nenos", engadiu.

Na súa comparecencia, tamén sinalou empresas españolas como Porcelanosa, Sercobe e Maxam por "facer negocios con Rusia", e exixiu que deixen de traballar no país.

Resposta de Pedro Sánchez

Ante a petición de Zelenski de máis armamento e maiores sancións para Rusia, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recolleu as palabras do seu homólogo e afirmou que o Estado español seguirá a apoiar Ucraína, tanto con armamento como con "axuda humanitaria".

"O Estado español condena coa maior determinación esta guerra despiadada de Putin contra Ucraína", manifestou Sánchez, que, como a pasada semana, personalizou no presidente ruso as causas da guerra en Ucraína.

Novas vexacións en Dnipró

Paralelamente, e no medio das acusacións enfrontadas polas mortes en Bucha, onte tamén apareceron imaxes nas que supostamente se realizan vexacións e se golpea a cidadáns ucraínos "prorrusos".  

Nos vídeos, pódese observar como persoas ataviadas coa indumentaria dos Servizos de Seguridade Ucraínos (SBU) colocan en fileiras, maniatan, gravan, insultan e dan malleiras até provocar fortes hemorraxias a cidadáns. Nalgunhas das malleiras incluso chegan a espir forzadamente as persoas. Os golpes e o sangue en zonas vitais como a cabeza son xeneralizados.

Comentarios