O BNG reclama ao Goberno que rectifique e apoie a autodeterminación do pobo saharauí

Néstor Rego vén de rexistrar no Congreso unha iniciativa para o seu debate en pleno demandando a modificación dunha postura "adoptada de maneira unilateral"
O deputado do BNG, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG vén de presentar avrias iniciativas reclamando respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí. Entre elas figura unha proposición non de lei na que se demanda ratificar o apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, de acordo coas resolucións da ONU e o traballo da Misión das Naciones Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (Minurso).

O obxectivo, sinala nun comunicado, é facer posíbel que canto antes se poida realizar o referendo de autodeterminación.
Rego reclama rectificar a posición expresada polo presidente Sánchez na carta remitida ao Rei de Marrocos e volver ao consenso social, así como dirixirse ao Goberno de Marrocos para exixirlle o respecto aos dereitos humanos do pobo saharauí.
A decisión do Goberno español de modificar a súa posición en relación co conflito do Sáhara Occidental foi coñecida a través da filtración dunha carta de Pedro Sánchez ao Rei de Marrocos.

Cambio de posición

Nesta misiva, Sánchez manifesta expresamente que "España considera a proposta marroquí de autonomía presentada en 2007 como a base máis seria, críbel e realista" para a resolución do conflito. Isto, conclúe o BNG, supón que o Estado español se sitúa á marxe das resolucións da ONU e dos esforzos por verificar o referendo de autodeterminación previsto por este organismo internacional para resolver o conflito.

Este cambio de posición "prodúcese sen consultar ao Congreso dos Deputados e sen tomar en consideración a opinión maioritaria das forzas políticas e da cidadanía", afirma Rego, e significa tamén que o Estado español adopta unha posición de parte, apoiando a solución marroquí que implica a anexión do Sáhara Occidental, engade.

Segundo a formación nacionalista, esta mudanza fai inviábel o papel activo de mediación que debería ter o Estado español para chegar canto antes a unha solución pacífica pola vía dos acordos e resolucións das Nacións Unidas.

Abandono

"Se o Goberno non rectifica, esta sería a segunda ocasión en que o Estado español deixa abandonado á súa sorte ao pobo saharauí, despois de permitir en 1975 a invasión marroquí e aceptar a división do territorio entre Marrocos e Mauritania no Acordo Tripartito de Madrid de novembro dese ano", subliña o deputado do BNG.

A posición manifestada polo Presidente do Goberno, ademais de inxusta co pobo saharauí e imprudente dado o contexto actual, recalca. "Pon en cuestión a súa neutralidade e o papel que, como potencia legalmente administradora do Territorio Non autónomo pendente de descolonizar, debería desempeñar para buscar unha solución xusta e duradeira que garanta o respecto aos dereitos do pobo saharauí".

O Bloque Nacionalista Galego pide volver ao consenso social e a acompañar o traballo dos organismos internacionais "para unha resolución xusta e duradeira do conflito". 

Comentarios