O PSOE fica só no Congreso no seu xiro sobre o Sahara

Pedro Sánchez xustificou o seu cambio de postura sobre a soberanía do Sáhara en que a situación con respecto ás relacións con Marrocos era insostíbel. O resto dos grupos do Congreso fixeron críticas ao postulado de Pedro Sánchez.
O ministro Albares compareceu onte na Comisión de Exteriores. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro Albares compareceu onte na Comisión de Exteriores. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, xustificou onte durante unha visita á cidade de Ceuta o seu cambio de posición, que se coñeceu a través dunha carta cuxo contido íntegro foi revelado na cuarta feira, con respecto á soberanía do pobo saharauí. Sánchez argumentou que a situación con respecto a Marrocos era insostíbel e que necesitaba resolverse xa. 

O presidente español, que evitou aclarar se o Estado español ten garantías sobre Ceuta e Melilla nin se tiña comunicado a súa posición a Alxeria, engadiu o pretexto de ter seguido "a posición que tamén manifestaron outras nacións moi potentes da Unión Europea como Francia e Alemaña", á vez que cualificou a proposta marroquí sobre a autonomía do Sáhara Occidental como "a máis seria e viábel".

O ministro de exteriores compareceu no Congreso

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, compareceu a petición propia na Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados para explicar “a nova etapa nas relacións entre España e Marrocos”. Albares aludiu a “unha das crises máis importantes en décadas” co país africano, ao que cualificou de “socio estratéxico indispensábel”.

O ministro argumentou que a postura do Goberno sinalada na carta que Sánchez enviou ao Rei de Marrocos, na que considera a proposta de autonomía saharauí emitida por Marrocos no ano 2007 como "a máis seria, críbel e realista para resolver" a situación está na liña do defendido polos anteriores Executivos. Ademais, asegurou que o Estado español non vai a abandonar ao pobo saharauí e considerou o momento actual de "grande oportunidade" para resolver un conflito de 46 anos.

Pola súa parte, os socios do PSOE no Executivo, Unidas Podemos, criticaron a "imprudencia"  do seu propio Goberno e avisaron á outra parte do mesmo de que "a realpolitik sen valores redúcese a cinismo". O PP, a través da súa portavoz, Valentina Martínez Ferro, deostou o "escurantismo" do Goberno sobre este xiro nun asunto "tan vital" como é o do Sáhara Occidental. As forzas soberanistas censuraron o xiro de posición de Pedro Sánchez. O deputado do BNG, Néstor Rego, pediu ao Goberno estatal "rectificar" a decisión.

Comentarios