Un ano da ruptura do alto o fogo no Sáhara Occidental

Marrocos endurece a súa negativa a recoñecer o dereito á autodeterminación saharauí cando se fan 365 días do reinicio dos choques militares coa República Árabe Saharauí Democrática, que loita por recuperar o terreo colonizado polo Reino alauí.

Mapa do Sáhara Occidental na actualidade. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)
photo_camera Mapa do Sáhara Occidental na actualidade. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)

O 13 de novembro de 2020, as tropas alauís entraron en Guerguerat, na zona de separación marcada nos acordos entre a Fronte Polisario e Marrocos, xunto á fronteira con Mauritania, para expulsar a un grupo de civís saharauís que bloqueaba o paso en protesta pola colonización do territorio.

A acción militar supuxo unha ruptura do alto o fogo, que se mantiña nunha tensa calma desde 1991, cando o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) aceptou o pacto entre as partes e estabeleceu a Misión para o Referendo do Sáhara Occidental (Minurso), co obxectivo de desenvolver unha consulta na que a poboación elixira entre a independencia ou a integración a Marrocos.

29 anos despois e sen que decorrera ningún referendo froito do bloqueo de Marrocos, a Fronte Polisario e a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) daban por crebado o pacto pola “agresión directa” contra a poboación, comezando a espallar o Exército de Liberación Popular do Sáhara ao outro lado do muro construído por Marrocos para evitar o regreso da poboación refuxiada e protexer os seus investimentos no territorio colonizado, a meirande parte do Sáhara Occidental.

O último parte de guerra transmitido polo Ministerio de Defensa Nacional da RASD a Sahara Press Services refire a bombardeos simultáneos en cinco rexións en contra das forzas marroquís, a principal estratexia nestes primeiros doce meses, onda incursións contra bases militares alauís, nun conflito que deixou até o de agora 12 baixas saharauís, entre elas a do comandante da Xendarmería Nacional, Adaj el Bendir, abatido en abril polo ataque dun dron de Marrocos, sinalou AFP.

Marrocos nega o referendo

Por parte de Marrocos non se coñecen as baixas militares por mor de que se negou desde o primeiro momento a ofrecer declaracións, informacións, ou recoñecer sequera a existencia dun conflito bélico.

De feito, a súa mensaxe con respecto ao dereito de autodeterminación do Sáhara estase a endurecer paulatinamente, chegando o rei marroquí Mohamed VI a ameazar hai unha semana con rachar relacións cos países que poñan en dúbida a realidade colonial que padece a RASD, explicando o seu ministro de Exteriores, Nasser Bourita, que non ofrecerán máis que unha autonomía limitada.

A principal fortaleza de Marrocos é a súa alianza cos Estados Unidos, que lle permite dispor dunha ampla gama de tecnoloxía militar, que tamén lle vende países como Francia ou o Estado español. Esta relación tomou un novo cariz o 10 de decembro de 2020, co acordo de normalización de relacións entre Israel e Marrocos, a cambio do cal os Estados Unidos recoñeceron a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental.

Represión contra a poboación

Desde a volta aos choques militares, o Reino alauí incrementou a represión en contra das e dos saharauís que residen no territorio ocupado. A activista Sultana Sidbrahim Jaia, que leva 359 días detida en arresto domiciliario, denuncia que “os ocupantes non deixaron ningún tipo de abuso sen practicar sobre nós, até a miña nai foi golpeada”.

“Estamos sometidos a abusos físicos e verbais, un estado de intimidación, acoso e terror que vivimos a diario”, asegurou Jaia, que relata en ECSaharaui como “a Minurso é complice das graves violacións contra milleiros de saharauís en lugar de cumprir co papel que lle foi encomendado”.

A súa situación foi denunciada hai tres días por Sidi Mohamed Omar, representante da Fronte Polisario na ONU, que exixiu á institución que “asuma a responsabilidade xurídica e moral cara ao pobo saharauí, que sigue sufrindo o asedio militar e o bloqueo mediático imposto aos territorios ocupados”.

Esta é a posición que continúan a manter organizacións como a Unión Africana, da que marchou Marrocos en 1984 polo recoñecemento á RASD, antes de volver en 2017, aínda rexeitando debater a situación no seo da entidade.

Incremento da tensión con Alxeria

O conflito no Sáhara Occidental repercute de maneira directa nas relacións entre Rabat e Alxer, polo apoio deste último á causa saharauí. Hai uns meses fecháronse as relacións diplomáticas entre ambos, ao tempo que Alxeria denunciou a espionaxe das súas comunicacións, rematando por non renovar o acordo para seguir subministrando gas natural á Unión Europea polo gasoduto que cruzaba Marrocos, que se beneficiaba dos dereitos de paso e producía co gas o 10% da súa electricidade.

Porén, poucos días despois o Executivo alxeriano acusaba Marrocos de asasinar tres civís que viaxaban nunha misión comercial, advertindo que o crime “non quedará impune”. O ataque, nunha área controlada pola Fronte Polisario, salientou Akram Kharief, editor de Mena Defense, produciuse cun dron militar marroquí, arma que foi descuberta nesas xornadas na zona, como corroborou o dixital South Front.

Tamén se viu salpicado polo conflito o Estado español, un dos principais responsábeis do inexistente proceso de descolonización no Sáhara Occidental ao abandonar o territorio que daquela colonizaba pouco antes da chegada das tropas marroquís, asinando os Acordos de Madrid con Marrocos e Mauritania, un pacto que a ONU non recoñece.

En abril, o presidente da RASD e líder do Polisario, Brahim Ghali, foi atendido nun hospital do Estado, o que provocou que Rabat se retirara da vixilancia da fronteira con Ceuta, no norte de África, xerando unha crise migratoria ao intentar milleiros de persoas acceder á cidade.

Comentarios