Os baróns do PP fechan filas, publicamente, ao redor de Rueda

Após Manuel Baltar, Elena Candia e Diego Calvo mostráronse a favor de que Alfonso Rueda suceda Alberto Núñez Feixoo na Xunta e no PP galego.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios. (Foto: Europa Press)
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios. (Foto: Europa Press)

O presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, vén de emitir un comunicado no que afirma que considera que o seu homólogo pontevedrés e vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, "debe asumir a Presidencia" do Goberno galego e do PP galego, e asegurou que contará co seu apoio.

Calvo foi o último dos dirixentes territoriais en facer público o seu apoio a Rueda para que este encabece unha lista unitaria nun congreso extraordinario.

Precisamente, o dirixente popular defendera a necesidade de que a sucesión do presidente galego tivese lugar nun conclave extraordinario convocado canto antes e non pola vía da ratificación interna nun Comité Executivo,

No seu comunicado, Calvo tamén mostrou a súa ledicia porque "se traballe por lograr unha lista de unidade", na liña do que manifestou o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, na terza feira.

Postura de Elena Candia

A presidenta do Partido Popular (PP) de Lugo, Elena Candia, adiantouse a Calvo e confirmou a primeira hora da tarde desta cuarta feira o seu apoio ao vicepresidente primeiro da Xunta e líder dos populares en Pontevedra, Alfonso Rueda, para suceder Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta e do PP galego.

"Creo na súa experiencia de xestión e na súa experiencia orgánica", asegurou Candia.

Até o de agora, a dirixente popular fora a única que non se manifestara publicamente en relación a cuestión de quen sucederá Feixoo nin de como se abordará esa sucesión.

Agora, após manter conversas durante os últimos días para chegar a un acordo, apoiou expresamente Rueda un día despois de que o fixese o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar. A dirixente lucense asegurou que trasladou a súa opinión tanto a Feixoo como ao propio Alfonso Rueda.

"Se decide dar o paso, eu estarei ao seu lado e tamén o votarei na sesión de investidura cando chegue o momento", sentenciou Candia.

Baltar reafirma o seu apoio a Rueda

Pola súa banda, Manuel Baltar reafirmou nesta cuarta feira o seu apoio Alfonso Rueda, por ser o "mellor sucesor" e o "mellor deputado dos que ten o Grupo Parlamentario do PP". Ademais, pediu celebrar "canto antes" o congreso extraordinario que poña fin á situación de interinidade no PP galego.

Así se pronunciou o líder dos populares ourensáns nun acto da Deputación de Ourense, após de ser o primeiro dirixente provincial que explicitase o seu apoio a Alfonso Rueda para suceder a Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta e dos populares galegos.

Baltar lembrou que xa antes da celebración do congreso estatal do PP en Sevilla sinalou que o "previsíbel" era que Feixoo fose substituído polo vicepresidente primeiro da Xunta.

Comentarios