Alfonso Rueda sucederá Feixoo

Diego Calvo e Elena Candia entrarían como conselleiros no Goberno de Rueda

Alfonso Rueda substituirá á fronte da Presidencia da Xunta e do Partido Popular galego a Alberto Núñez Feixoo. A decisión formalizarase finalmente nun congreso do PP, após o acordo entre os diferentes baróns territoriais do partido na Galiza. O pacto recolle un reparto de poder no PP e no Goberno.

 

baróns PP
photo_camera Diego Calvo, Elena Candia, José Manuel Baltar e Alfonso Rueda na apertura do curso político do PP da Galiza en agosto de 2021. (Foto: Europa Press)

Os prognósticos remataron por confirmarse. O actual vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, será designado finalmente como presidente da Xunta e do Partido Popular na Galiza. Iniciado politicamente en Novas Xeracións do PP, ocupou a Presidencia desta organización en Pontevedra a comezos da década do 90, incorporándose ao Executivo galego no período de Manuel Fraga, primeiro como xefe de gabinete de Xesús Palmou e despois como director xeral da Administración Local.

Un veterano do PP

Rueda acompañou a Núñez Feixoo en toda a súa etapa á fronte do PP na Galiza. Secretario xeral da formación entre 2006 e 2016, líder do PP en Pontevedra, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas desde 2009 e vicepresidente da Xunta en diversos períodos, malia á súa distancia co mandatario galego nos últimos anos, conseguiu finalmente herdar a Presidencia nun proceso non exento de tensións. Precisamente, a súa designación foi resultado dun acordo dos diversos baróns territoriais, tras unha semana de intensas negociacións con Feixoo e Rueda.

As equipas de prensa do Partido Popular e da Xunta da Galiza negáronse a confirmar oficialmente na xornada de onte este suposto. Porén, as fontes populares consultadas por Nós Diario recoñeceron a existencia dun pacto para proceder á remuda de Feixoo e fixar o novo reparto do poder na cúpula dos populares e na Xunta da Galiza. Uns e outros coincidiron na existencia de conversacións entre as diferentes partes do partido e a coincidencia sobre a realización dun congreso.

Os dirixentes populares coñecedores das conversas que levaron á designación de Rueda sinalaron a Nós Diario que estas non foron doadas. Asemade, recoñeceron que o acordo dos baróns con Rueda e Feixoo recolle un novo reparto do poder na cúpula dos populares na Galiza, onde o presidente da Deputación de Ourense e do PP ourensán, José Manuel Baltar, está chamado a xogar un papel chave. Neste sentido, desde o círculo de Baltar garanten un posto de relevo para el, que podería ser elixido vicepresidente ou secretario xeral dos populares galegos.

O pacto para o nomeamento de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza estabelece unha renovación a fondo do vindeiro Executivo galego.Neste sentido, dáse por feita a elección do presidente do PP coruñés, Diego Calvo, como vicepresidente da Xunta; e da líder dos populares lugueses, Elena Candia, como conselleira.A este respecto, persoas próximas a Candia indicaron a Nós Diario que a popular aspiraría á responsabilidade de Medio Rural, actualmente en mans de José González, persoa próxima a Feixoo, patrocinada no seu momento por Alfonso Rueda.   

Congreso en maio

A substitución de Feixoo formalizarase, finalmente, nun congreso, tal e como solicitaron en días pasados significados dirixentes do partido. A falta de confirmar a súa data exacta, desde o PP adiantan que o mesmo se desenvolverá a finais de maio e será formulado como un grande acto de precampaña das eleccións locais e de lanzamento da figura de Rueda.A este respecto, unha das principais pexas da súa candidatura é o seu escaso nivel de coñecemento público, que segundo as sondaxes non chega a 50%.

A opción de Rueda xera dúbidas entre a afiliación e os cadros do partido. Segundo opinións recollidas por Nós Diario entre a militancia e dirixentes da formación, é considerado como un candidato sen tirón electoral para manter a Presidencia da Xunta da Galiza. Ao tempo, cuestionan a súa capacidade para articular consensos e coser feridas, nun partido que require de moita unidade para enfrontar con garantías o proceso de eleccións locais de 2023

Comentarios