Feixoo avoga pola celebración dun congreso para a súa sucesión

Aínda que avala así a posibilidade de celebrar un congreso extraordinario, opción pola que xa se decantaron presidentes provinciais como Diego Calvo (A Coruña) ou Manuel Baltar (Ourense), insiste nas vantaxes de que exista "unha coincidencia maioritaria".
Feixoo, en comparecencia de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánches, o pasado día2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Feixoo, en comparecencia de prensa tras a súa entrevista con Pedro Sánches, o pasado día2. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O aínda presidente da Xunta de Galiza e actual presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, avogou pola celebración dun congreso extraordinario para a súa sucesión, ao que espera que se poida presentar unha lista "de unidade" e que poida "quedar ventilado" no mes de maio.

Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia este domingo, e recollida por Europa Press, Feixoo pronunciouse sobre o camiño que debe tomar o proceso da súa substitución, algo que non fixera até o momento. Non así algúns presidentes provinciais como o ourensán Manuel Baltar ou o coruñés Diego Calvo, que solicitaron expresamente a celebración dun congreso; no caso de Calvo ademais, "canto antes". 

 

Respecto da compatibilidade de ambos os cargos -presidente da Xunta e do PP-, Feixoo recoñeceu que "desde o punto de vista político pódese facer", pero non quere "acumular cargos". "Creo que ser presidente da Galiza e ser presidente do PPdeG son postos aos que hai que dedicarse a tempo completo", sinala, aínda que insiste en que "non hai ningunha incompatibilidade".

Con isto en mente, o titular do Goberno galego "ten claro" que en maio "ten que haber un novo presidente" galego, polo menos no que "estea na súa man" -presentar a dimisión como presidente da Xunta-.

A pesar de situarse a favor dun congreso extraordinario, Feixoo lembra que é decisión da Xunta Directiva convocalo. Vistos os prazos para a súa celebración, podería darse unha bicefalia -que o presidente da Xunta e do PPdeG fosen persoas distintas-, algo que non tería por que ocorrer "se hai unha candidatura de consenso".

"Se é así, non hai ningún inconveniente en facer ambas as cousas de forma simultánea. Se hai un acordo dos compañeiros nunha candidatura de amplo apoio, as cousas poderían ir en paralelo", avanzou.

Pide "unidade"

Para iso hai que pór de acordo, entre outros, aos presidentes provinciais, cos que asegurou que falou e dos que percibiu "unha enorme responsabilidade e un interese enorme por non defraudar". "O que falamos de forma directa ou indirecta coincide co que se expresou. Non observo ningún indicador de preocupación. Resolverémolo como o resolvemos até a data. Salvo que non nos deamos conta de que o obxectivo é o liderado social, non o liderado orgánico", defende.

 

Feixoo, aínda que avala así a posibilidade de celebrar un congreso extraordinario, opción pola que xa se decantaron presidentes provinciais como Diego Calvo (A Coruña) ou Manuel Baltar (Ourense), insiste nas vantaxes de que exista "unha coincidencia maioritaria".

"A nosa diferenza co Partido Socialista e o Bloque foi nosa unidade. A xente está farta dos egos, dos problemas orgánicos. Por tanto, imos dedicar pouco tempo ao noso, e imos dedicar o tempo necesario aos demais", comenta.

Feixoo ve "lóxico" que "as persoas que poidan ter algún interese, e tamén os presidentes provinciais, aínda que non o teñan, falen con quen queira ser presidente". "Para presidir a unha persona tes que falar con ela e prestarlle a túa confianza. O principal activo dun militante é a confianza que presta a un dirixente. Hai contactos informais, pero realmente houbo unha ejemplaridad enorme", apunta.

Volver as baronías, "un grave erro" 

Doutra parte, o líder popular rexeitou "tutelar" o proceso, asegurando que "é perfectamente consciente de que o que vai ocorrer na Galiza é o que queiran os compañeiros", aínda que si recoñeceu ser "corresponsábel da situación que vive neste momento o PPdeG" ao asumir unha responsabilidade orgánica estatal sen terminar a lexislatura.

"Sería unha irresponsabilidade pola miña parte pegar unha portada, instalarme en Madrid e dicirvos 'até logo'. Iso non o vou a facer. A partir do momento no que un compañeiro me suceda como presidente da Galiza, estarei como un consultor se queren algunha opinión, e se non a queren, teño bastantes asuntos e compromisos", esgrime.

Afirma non estar "preocupado" e, aínda que non sinala a ninguén, considera que "hai persoas que están formadas e teñen experiencia orgánica e de goberno que poden ser bos presidentes da Xunta de Galiza".

Así, aos seus compañeiros só pídelles que o PP lle presente "nin un só problema a Galiza". "Este partido é moi sólido e fiábel, é probabelmente o modelo que me gustaría exportar ao resto do Estado. Por iso os compañeiros teñen unha gran responsabilidade, que o PPdeG siga sendo un modelo de unidade. E todos, a presidenta e os outros tres presidentes provinciais, teñen unha enorme responsabilidade tamén", destaca.

Núñez Feixoo consideraría un "grave erro" que volvesen as baronías territoriais. "Galiza xa é unha cidade única, un territorio policéntrico. Un partido que volva ao pasado non vai representar o futuro e sería un grave erro. Non llo recomendo a ninguén. Non acabaría ben. Ademais o noso partido está moi descentralizado", sostén.

Balance á fronte da Xunta

Sobre se lle gustaría levar a algún conselleiro a Madrid, recoñece que si, pero sinala que tentou "preservalos". "Segue sendo o meu Goberno, e eu iso non llo vou a quitar a Galiza", comenta. Nesta liña, defende a súa decisión de dar un posto en Xénova ao secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. "Nun partido, o número dous ten que ter a confianza do presidente e do comité executivo", indica.

Na entrevista, Feixoo fai balance tamén da súa etapa á fronte da Xunta e asegura que deixa a Galiza "coa satisfacción do deber cumprido". "Estou orgulloso do que fixemos os galegos", afirma, defendendo a construción do novo servizo galego de saúde ou a xestión da pandemia.

 

 

Este último punto é un dos bos momentos que destaca o presidente, xunto á chegada da AVE e o Xacobeo bienal. Por contra, entre os peores momentos para Feixoo estiveron o accidente do Alvia, os mortos en incendios e o naufraxio do Vila de Pitanxo".

Dos seus anos na política galega destaca o "escasa pero boa relación" con Emilio Pérez Touriño, con quen recoñece ser duro -"aínda que máis duros foron os nacionalistas"-. Remarca tamén a sintonía con líderes nacionalistas como Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera e, a nivel estatal, "amigos" como Javier Lambán, ou Emiliano García Page, entre outros.

Nova etapa

Xa en clave estatal, recoñece que el non filtraría a axenda do seu encontro co presidente Pedro Sánchez e que en relación a Galiza "houbo bastante deslealdade institucional coas competencias", pero asegura que mentres exerza de xefe da oposición "aceptará que o presidente do Goberno é o seu presidente tamén".

Afirma non ter falado aínda con Santiago Abascal (Vox) e asegura que asistirá á toma de posesión de Fernández Mañueco en Castela e León. A este respecto, sinalou que "o PSOE moito fala de parar a Vox, pero ao final o seu obxectivo é que a Vox lle vaia ben. Canto mellor lle vaia a Vox, mellor vaille a ir a Pedro Sánchez", advirte.

A Núñez Feixoo gustaríalle que se lle lembrase por "pór a Galiza por encima de todo" e defende a súa experiencia como xestor na Comunidade para chegar á Moncloa. "Sería incapaz de asumir a presidencia do Goberno do Estado sen xestionar un euro público. Un nunca se sente o suficientemente preparado para presidir España, pero creo que teño máis formación para presidir España que para ser xefe da oposición", conclúe.

Comentarios