Rueda sucederá Feixoo na Xunta antes de converterse no novo presidente do PP galego

O aínda presidente da Xunta non quixo valorar publicamente se existe un acordo para que se presente unha única candidatura, encabezada por Rueda, ao congreso extraordinario.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou no día de hoxe que a sucesión institucional no Goberno galego terá "lugar moi probabelmente" antes do congreso extraordinario do Partido Popular (PP) galego no que se escollerá un novo máximo dirixente dos populares, sempre no mes de "maio".

Deste xeito, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, chegará a ese congreso extraordinario após o Parlamento galego o ratifique como novo presidente da Xunta, cos votos a favor do grupo parlamentario do PP.

Así o ratificou Feixoo en declaracións aos medios en Porto do Son, mais sen citar Rueda como o seu sucesor, a pesar de que na pasada xornada o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, deu as primeiras pistas que posteriormente confirmaron fontes populares a Nós Diario, en relación á candidatura de "unidade" que encabezará o vicepresidente primeiro.

Neste sentido, limitouse confirmar que falou cos presidentes provinciais e cos principais dirixentes do partido, de forma que hai "un acordo" para que a Xunta Directiva do PP convoque nos próximos días un conclave extraordinario, no que se escollerá o seu sucesor orgánico.

Candidatura única de Rueda

Após a renuncia de Feixoo como presidente do PP galego, o secretario xeral, Miguel Tellado, é quen ten temporalmente as funcións de dirección da formación, por ser o seguinte cargo orgánico na xerarquía popular, segundo estabelecen os seus estatutos.

O aínda presidente da Xunta non quixo valorar publicamente se existe un acordo para que se presente unha única candidatura, encabezada por Rueda, ao congreso extraordinario, e sinalou os presidentes provinciais como os responsábeis, se quixeran, de dar a coñecer ese acordo 

Tamén defendeu que "calquera militante" que reúna "cen avais" pode concorrer ao congreso. No entanto, Feixoo fixo referencia á "unidade" e "ilusión" por "seguir alcanzando a estabilidade institucional e política" como a chave para o éxito do PP.

Así mesmo valorou positivamente que non haxa bicefalia entre quen dirixa a Xunta e o partido. "Se pode haber coincidencia moito mellor, é o noso estilo de gobernar. Quen ten a responsabilidade de goberno, o lóxico é que teña responsabilidade orgánica. Así funcionamos e así espero que sigamos funcionando. Imos enviar unha mensaxe de responsabilidade", resolveu.

Comentarios