Baltar di que non intentará suceder Feixoo e sinala Rueda como vía de "unidade"

Baltar afirmou que non exerce de "portavoz" dos seus compañeiros e líderes do PP en Lugo e A Coruña, Elena Candía e Diego Calvo, após ser preguntado por se cre que a súa aposta é compartida.
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)

O presidente da Deputación de Ourense e presidente provincial do PP, Manuel Baltar, anunciou que "non" se presentará como posíbel candidato a suceder Feixoo, e defendeu unha vía de "unidade" encabezada polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que sexa ratificada nun congreso extraordinario canto antes.

Nunha entrevista con Europa Press, Baltar manifestou a súa convicción de que a situación de interinidade no PP "debe resolverse o máis rápido posíbel" na súa dupla vertente institucional e orgánica.

Neste sentido, esgrimiu que "o previsíbel" é que o vicepresidente primeiro "tome posesión como presidente da Xunta". Aínda que en declaracións previas fora máis ambiguo, nesta ocasión o líder ourensán argumentou que ve o seu homólogo no PP de Pontevedra como o "máis preparado" para asumir a sucesión de Feixoo.

Segundo o presidente do PP ourensán,  Rueda, "pertence profesionalmente ao mundo da Administración" e "estivo con Feixoo de xeito conxunto desde o principio". Ademais, resaltou a importancia de que o relevo na Xunta sexa "alguén que forme parte xa da dinámica do Goberno e que chegue aprendido".

Vía de "unidade"

En paralelo, defendeu unha vía de "unidade" para o partido encabezada, a poder ser, polo mesmo dirixente que suceda Feixoo á fronte da Xunta. "A miña aposta é clara: un congreso canto antes e que non haxa  bicefalia. As bicefalias mellor non; se se poden evitar, mellor", sentenciou.

Baltar afirmou que non exerce de "portavoz" dos seus compañeiros e líderes do PP en Lugo e A Coruña, Elena Candía e Diego Calvo, após ser preguntado por se cre que a súa aposta é compartida.

Para Baltar, os populares deben enviar "unha mensaxe de unidade á Galiza". E insistiu en que é preciso "facelo canto antes" para que intentar transmitir a idea de que no PP "non perden o tempo".

Comentarios