Alfonso Rueda sucederá Alberto Núñez Feixoo como máximo dirixente do PP galego

Rueda, que era o principal candidato a suceder Feixoo, confírmase como o novo dirixente do PP galego.
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).

O vicepresidente primeiro da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, sucederá Alberto Núñez Feixoo na presidencia do Xunta e do PP galego.

Así o asegura La Región. Rueda, que era o principal candidato a suceder Feixoo, confirmaríase así como o novo dirixente do PP galego.

A falta de que a propia formación política o faga oficial, Rueda asumiría as funcións institucionais e orgánicas que o aínda presidente da Xunta deixa orfas coa súa marcha a Madrid.

Desde que Feixoo deu a coñecer que se presentaría a presidir o PP estatal e dimitiría como presidente da Xunta, o nome de Alfonso Rueda foi sinalado pola maioría de medios e moitos cargos internos dos populares galegos como o seu sucesor, dado o seu coñecemento do Goberno galego e a súa relación co propio Feixoo.

Único candidato

Pese a que nas últimas semanas o silencio do presidente da Xunta con respecto ao seu futuro só fixeron acrecentar as dúbidas sobre posíbeis tensións internas en canto ao candidato ou candidata que ocuparía o seu lugar, finalmente Rueda será o único candidato para suceder Feixoo.

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, que nun primeiro momento evitara sinalar Rueda como candidato dos populares ás galegas de 2024, e só o postulara como presidente interino da Xunta até que decorrese un congreso extraordinario, deu pistas no día de hoxe do que agora xa está confirmado.

Baltar, nunha entrevista a Europa Press, desbotou a súa posíbel candidatura á presidir o PP galego e sinalou Rueda como vía de "unidade" para os populares. As súas palabras chegaban após manter unha conversa con Núñez Feixoo, na que o presidente do PP en Ourense mostrouse conforme coa proposta do aínda presidente da Xunta. 

A falta de que outros persoeiros do PP galego, como os presidentes provinciais da Coruña e Lugo, Diego Calvo e Elena Candía, ou o portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, se posicionen publicamente, todo indica que Rueda será escollido novo máximo dirixente do Partido Popular galego por unanimidade.

Máis en POLÍTICA
Comentarios