Afonso VII. O tempo político do emperador galego

Pasados dous meses de estaren a formalizar Reimundo e Urraca aquela mercé ao mosteiro de San Xoán de Poio, datada a 16 de xaneiro de 1105, os desexos convertéronse en realidade: nacía Afonso Reimúndez en Caldas de Reis. Parece ser que esta epifanía ten lugar o 1 de marzo dese ano e sobre dela Prudencio de Sandoval, que recolle o suceso na súa 'Historia de los reyes de Castilla y León', asígnalle certo halo de prodixio.
Afonso VII, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
photo_camera Afonso VII, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)

O monxe bieito publica a devandita obra en 1615, tres anos despois de ser promovido da cadeira episcopal tudense á pamplonesa. Velaquí un dos fragmentos máis suxestivos:

“A primero día de Março deste año ponen el nacimiento del Infante Don Alonso, hijo del Conde Don Ramón y de la Infanta Doña Vrraca; y que pocos días antes de su nacimiento se vio en el ayre vn cometa, a manera de estrella resplandeciente, duró assí treynta días sin deshazerse, que parece que quiso el Señor dar señal del bien, que en estos reynos nacía”.

Noutros parágrafos, o autor reitera que Afonso VII naceu nun lugar “tan pequeño y oluidado como es Caldas de Rey, que por auerse criado este Príncipe se debe llamar de Rey”. Prudencio afirma, outrosí, que as terras de Caldas eran da propiedade do “conde don Pedro de Traua”.

En relación con ese astro celeste, o cronista erra de cheo na data do seu paso,  pois realmente acontece en 1106, feito que nos fai concluír que non coincide co ano de nacemento do emperador, tal e como matiza Antonio López Ferreiro. A traxectoria do Gran Cometa X/1106 C1 quedou documentada a partir dos primeiros días de febreiro de 1106, pois testemuños disto foron recollidos por moitos recunchos de Europa (Gales e Inglaterra) e do continente asiático.

Por iso consideramos que pretender ligar o nacemento dun emperador coa aparición no firmamento dun estraño corpo implicaba case un milagre. Querería o cronista que entendésemos que existía relación directa entre a divindade e a realeza? Todo apunta a iso. Lembremos pasaxes bíblicas como as do nacemento do rei do Xudeus, Xesús Cristo (Mt. 2:1-11); e episodios históricos/lendarios sobre o apóstolo Santiago: o descubrimento do seu sartego no bosque Libredón, polo eremita Paio, logo dunha choiva de estrelas (segundo se recolle no Codex Calixtinus) e o Camiño a Compostela marcado polo iter stellarum, ou Vía Láctea, sobre o que cavila Carlomagno e que se recolle no Libro IV do devandito códice:

“E deseguido veu no ceo un camiño de estrelas que comezaba no mar de Frisia e, estendéndose entre Alemaña e Italia, entre Galia e Aquitania, pasaba directamente pola Gascuña, Vasconia, Navarra e España até a Galiza, onde entón se ocultaba, ignoto, o corpo de Santiago”.

Alén disto, ao afirmar Prudencio de Sandoval que Afonso veu ao mundo nun lugar “pequeño y oluidado como es Caldas de Rey” créase unha certa analoxía que nos retrotrae ao nacemento de Xesús Cristo nun alpendre ou cortello do lugar de Belén (Lc. 2:1-7).

Os Traba, titores do neno rexio

De continuarmos co relato cronolóxico, e deixando atrás as intencionalidades do cronista, afirmaremos que un par de anos máis tarde do nacemento do infante falece o seu proxenitor, o conde Reimundo, ao que se lle dá sepultura na catedral de Compostela. Sandoval, a este respecto, engade que cando “supo el Rey Don Alonso la muerte de su yerno, pesole, embió a Fortun Laynez de Monçon, dando el pésame a su hija, y que no saliesse de Santiago hasta que él auisasse; y al Conde Don Pedro Assures que cuidase della, y al Conde Don Pedro de Traua, que tuuiesse cuenta con el Infante Don Alonso, que quedaua muy niño, criose en Caldas de Rey, lugar entre Ponteuedra y Santiago”.

E así foi que o propio conde de Traba se encarga da titoría de neno rexio, non sen poucas dificultades pois até que o príncipe acade a coroa do reino han suceder moitos conflitos. Na cidade de León, entre outubro e decembro de 1107, advertírase nunha reunión que se a nai do cativo volvía contraer nupcias, sería este o sucesor no trono galego. Cumpría primar a lexitimidade de Afonso Reimúndez, e por iso os nobres xuraron tal lealdade perante Diego Xelmírez e o tío do meniño, Guy de Borgogne, daquela arcebispo de Viena e futuro Papa Calixto II.

As leas conxugais non se fan demorar

Urraca, facendo caso omiso desta advertencia, dous anos máis tarde únese en matrimonio ao monarca aragonés Afonso I “O Batallador” mais, por mor da vinculación sanguínea que ten con el, á condesa da Galiza complícaselle en alto grao a situación: a Igrexa, contraria a ese tipo de alianzas e declarándoa en incesta coniugii copula, ameázaa con ser excomungada. Certo é que, segundo parece, Afonso VI consentira tales esponsais, quizais desesperado tras a morte en Uclés do seu fillo Sancho. Así e todo, as leas conxugais non se fan demorar. O aragonés métea no cárcere pouco despois do primeiro aniversario de vodas, e esta circunstancia debe provocar que, de xeito puntual, Urraca acepte a liña sucesoria do seu fillo.

A coroación do neno rexio en Compostela

Así as cousas, 1109 preséntase como un ano complicado. O segundo marido de Urraca cabalga co seu exército cara a Galiza e, no castelo de Monterroso, os galegos sofren unha importante derrota. Pregoaba, xa que logo, un aviso importante: que se podía retar contra aqueles que non velasen polos intereses da súa muller que eran, obviamente, os seus propios. Os ataques propinados polo aragonés en territorio galego non serían poucos, pois tanto Ourense como Lugo e outras demarcacións coñeceron a dureza da súa espada.

Signo rodado do Arcebispo Xelmírez. (Foto: Arquivo do Reino de Galicia)
Signo rodado do Arcebispo Xelmírez. (Foto: Arquivo do Reino de Galicia)

De retornarmos a 1109 cumpriría sinalar que nese ano o “neno rexio” é proclamado rei por Pedro Froilaz de Traba, ao que secunda case a totalidade da nobreza do país, malia as indecisións e/ou intereses de Xelmírez e a rebeldía  do monarca aragonés. Lembremos que Xosé García Oro ten sinalado, referíndose ao bispo de Compostela e ao de Traba, que ambos personaxes “representan e capitanean as opcións políticas do reino galego”.

Cando en 1110 trasladan a Afonso Reimúndez a León para ser coroado rei da Galiza, xorde un conflito de non moi sinxela resolución: o cativo e o seu séquito son secuestrados na fortaleza de Castrelo de Miño. A fame, a sede e a preocupación apodéranse dos presos, polo que comeza a deseñarse un pacto de liberación que non dá froito axiña. Un dos persoeiros que promove a conspiración contra o propio bispo, próximo a Urraca, é o xenro do conde de Traba (Arias Pérez de Deza) e, entre outros máis, o cabaleiro Fernán Sánchez, quen por aquel tempo subxugaba as terras de Lemos.

Os acordos de entronización do meniño xa estaban fechados e o acto solemne terá lugar na catedral santiaguesa en setembro de 1111

Logo de que Xelmírez e varias persoas do seu séquito acadasen a liberación, achega R. A. Fletcher que non se atoparon dificultades “en estabelecer un campo común de intereses (...). Don Diego abandonou a irmandade e uniuse ás ringleiras dos Traba”.

Aínda que pasaría algún tempo, os acordos de entronización do meniño xa estaban fechados e o acto solemne terá lugar na catedral santiaguesa, concretamente o 17 de setembro de 1111. Tomándoo o propio Xelmírez, “conduciuno con ánimo gozoso ante o altar de Santiago Apóstolo, onde se asegura que descansa o seu corpo, e alí, segundo as normas canónicas relixiosamente unxiuno como rei, entregoulle a espada e o cetro e, coroado con diadema de ouro, fíxoo sentar ao xa proclamado rei na sé pontifical”.

Así queda relatada na Historia Compostelá a coroación de Afonso VII como o novo rei da Galiza, entendida esta como o espazo que ocupa na actualidade, o norte do que hoxe é Portugal e zonas leonesas, como sinala tanto A. López Carreira como R. A. Fletcher. Logo da eucaristía, celébrase un fastoso banquete no palacio real con viandas, viño, sidra e diversos manxares. Pedro Froilaz é o dapífero do monarca, Roi Pérez de Traba actúa de alférez, Nuno Pais vai presentando os pratos e Bermudo Pérez exerce as funcións de escanciador real.

O reinado de Afonso VII

Emporiso, esta coroación non inhibe as intencións de Urraca polo que, en varias ocasións, intenta persuadir a Xelmírez –por medio de gorentosas doazóns– para que apoiase os seus propósitos, algúns dos cales frutifican en Sahagún, no ano 1116, coa sinatura dun pacto no que se delimitan os dominios do rei galego e da súa nai. Este acordo non se culmina dun xeito pacífico, pois Compostela revoluciónase e o rei ten que estender un outro acordo en 1117, “O Pacto do Tambre”, desta volta co bispo da diocese. Urraca, non contenta, ano si ano tamén, porfía en facer prevalecer os seus dereitos en territorio galego e Afonso xa se vén dicindo “Emperador” dende anos atrás. Tal é a rebeldía de Urraca que en 1123 invade Galiza, mete en prisión a Pedro Froilaz de Traba e intenta frear as políticas da súa irmá Tereixa de Portugal, tal e como achega José María García-Osuna.

Seis anos despois de que Xelmírez acadase de Roma a concesión de sé metropolitana para a igrexa de Santiago, a condesa da Galiza falece en Saldaña o 8 de marzo. E nese 1126 o seu fillo pasa a ser o lexítimo sucesor de todos os dominios que eran propios da súa nai, malia que certos personaxes rebeldes non lle facilitasen as cousas. Na mesma vila palentina na que morrera Urraca, Afonso casa un par de anos máis tarde con Berenguela de Barcelona, que era filla de Dulce de Provenza e o dux catalanensis Ramón Berenguer –conde de Barcelona, Girona, Osona, Provenza e Cerdeña– así como tamén cuñada de Rodrigo Díaz de Vivar. Entre outras persoas, á cerimonia matrimonial asisten o tenente de Sarria, Rodrigo Vélaz; o futuro tenente da Limia, Rodrigo Pérez de Traba; Tareixa Afonso, condesa de Portugal; e Fernán Pérez de Traba, conde de Traba e Trastámara.

O emperador será inhumado na catedral de Toledo

Berenguela ten co emperador non menos de sete fillos, nomeadamente a Sancho III (ao que lle entrega o reino de Castela), Reimundo, Sancha, Fernando II (monarca dos tronos de Galiza e León), Constanza, García e Afonso; e aquela ha falecer o 15 de xaneiro de 1149 en Palencia. Os seus restos mortais serán trasladados á basílica compostelá, último leito de pedra e oración no que Afonso VII tamén desexou descansar. Emporiso, tal devezo non chegaría acontecer: o emperador será inhumado na catedral de Toledo, concretamente na capela de Santa Cruz, logo perder a vida no lugar de La Fresneda o 21 de agosto de 1157.

Por outra banda, no intervalo comprendido entre ambos pasamentos, o rei volvera estabelecer alianzas matrimoniais na cidade de Soria cunha filla do duque de Polonia Vladislao II. Riquilda, segunda muller do emperador, trae ao mundo un par de infantes: Fernando de Castela, que falece de cativo; e Sancha, que casa en Zaragoza con Afonso II de Aragón.

A independencia de Portugal

Será Fernán Pérez de Traba, fillo do conde desa casa, quen suceda ao seu proxenitor e apareza loitando contra o Afonso Henriques na batalla de San Mamede. Tras a derrota dos galegos do norte en 1128, comeza a nacer o reino de Portugal. En contra das causas emancipadoras do condado portugués tamén toma posición a nai de Afonso Henriques, Tareixa, filla natural de Afonso VI da Galiza e muller de Henrique de Borgoña. Son dúas as fillas que Tareixa ten con Fernán Pérez, co que non sabemos se estivo casado ou só mantivo unha relación.

Velaquí os seus nomes: Tareixa Fernández de Traba, muller de Fernando II da Galiza; e Sancha Fernández de Traba, que se une a Álvaro Rodríguez de Sarria (tamén coñecido como Alvarus Roderici Galletiae). Segundo parece, a proxenitora do primeiro rei de Portugal sería a introdutora da Orde do Temple nese país, tal e como nos trae Carlos Pereira Martínez, polo que quizais tamén sería a súa parella, o conde de Traba, quen debeu facer o mesmo en terras galegas.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios