Críticos de Podemos discrepan en acudir con Sumar ás galegas

Rexurdir denuncia o "entreguismo" a Yolanda Díaz.
A líder de Sumar, Yolanda Díaz, nun acto político decorrido este pasado domingo. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera A líder de Sumar, Yolanda Díaz, nun acto político decorrido este pasado domingo. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O sector crítico de Podemos na Galiza, agrupado baixo o nome Rexurdir Podemos –unha nomenclatura que adoptaron na súa candidatura ás pasadas eleccións internas que decorreron no seo da formación morada– emitiu esta quinta feira un comunicado  no que cuestionan a integración  de Podemos en Sumar de cara ás vindeiras eleccións galegas.

"Consideramos que é inaudito e á vez desalentador que tomara postura [o coordinador da formación, Borja San Ramón] de forma tan contundente en acudir ás próximas eleccións autonómicas baixo unha coalición sen que a día de hoxe se teña realizado a menor autocrítica polos resultados do 28-M ante o conxunto da militancia galega", reza o texto.

Son unhas valoracións que fan logo de que San Ramón publicara un artigo de opinión cun posicionamento "meramente persoal ao non ter sido referendada polo conxunto da militancia" galega, polo que consideran que "non debera ser asinada como coordinador" da formación morada.

"Non podemos admitir, baixo ningún concepto, que o mesmo proceso que deu lugar á coalición Sumar a nivel estatal se reproduza na Galiza, o que suporía, pero non di, o entreguismo a un proxecto alleo a Podemos, a unha forza que nin sequera existe na nosa comunidade", continúan.

Os críticos da formación entenden que a prioridade de Podemos na Galiza debe ser "traballar a carón da militancia e dos círculos, ter en conta a voz das bases" e despois tomar unha decisión "consensuada". "Todo o que saia da liña do diálogo", din, "é unha falta de respecto" ás persoas inscritas en Podemos.

Comentarios