Yolanda Díaz reúnese con Puigdemont en Bruxelas para abordar a investidura

A vicepresidenta en funcións acode ao encontro co ex president catalán "en calidade de líder de Sumar" e non como representante do Executivo, subliñan desde o PSOE, que se desmarca desta cita.
Á esquerda, Yolanda Díaz, nun acto de campaña en Vigo; á dereita, Carles Puigdemont, na recente homenaxe ao músico Pau Casals en Francia. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á esquerda, Yolanda Díaz, nun acto de campaña en Vigo; á dereita, Carles Puigdemont, na recente homenaxe ao músico Pau Casals en Francia. (Fotos: Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, reunirase na mañá desta segunda feira, ao fío das 12 horas, co líder de Junts, eurodeputado desta formación e ex president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont. Será na sede do Parlamento europeo en Bruxelas (Bélxica) e a este encontro Díaz asistirá non como representante do Executivo, senón como líder de Sumar, precisaron fontes próximas ao outro partido que lidera o equipo de Pedro Sánchez, o PSOE.

Tamén asistirá o dirixente de En Comú Podem, Jaume Asens, pola parte de Sumar, e o eurodeputado Toni Comín, desde o equipo de Junts. Ambas as formacións políticas confirmaron esta reunión que decorrerá na sala Spinelli da Eurocámara, na que os medios gráficos poderán tomar imaxes antes da cita e, en principio, non se prevén declaracións posteriores aos medios.

En xullo Sumar encargou a Asens que liderase as conversacións con Junts para lograr o seu apoio de cara á investidura dun novo Goberno de coalición co PSOE, co apoio do denominado bloque progresista e plurinacional. A coalición da ministra e vicepresidenta tense manifestado nas últimas datas a prol da reedición desta fórmula, igual que desde as filas socialistas, defendendo que é a única opción que garante a gobernabilidade do Estado español.

A elección de Asens, que renunciou a formar parte dos postos de cabeza na lista de Sumar en Catalunya, para comandar as conversas con Junts non é menor, dado que mantén unha boa relación con Puigdemont. Os sete votos da formación independentista serán chave para determinar se Pedro Sánchez poderá manterse en Moncloa durante os próximos catro anos.

Recentemente, e a través dunha carta da propia Díaz dirixida ao PP, quixo "deixar claro" que o intento de investidura de Alberto Núñez Feixoo "está condenado ao fracaso" e que o "único goberno posíbel" é unha nova coalición PSOE-Sumar "que avance na axenda social e territorial". A vicepresidenta delegou na voceira parlamentaria de Sumar, Marta Lois, para se reunir con Feixoo.

Pola súa parte, desde a á socialista do Goberno español desmárcase da viaxe de Yolanda Díaz para reunirse, como líder dunha das formacións que conforman o actual equipo de Sánchez, co ex president catalán, e aseguran que nada ten a ver coa axenda oficial de Moncloa.

Comentarios