Suecia, primeira pedra no camiño do galego na UE: corre perigo a oficialidade?

"Hai moitas linguas minoritarias que non son oficiais dentro da UE", xustifica a ministra Jessika Roswall.
Intérpretes do Parlamento Europeo. (Foto: UE)
photo_camera Intérpretes do Parlamento Europeo. (Foto: UE)

O Goberno de Suecia recoñeceu esta cuarta feira que ten "dúbidas" en canto á incorporación do catalán, o euskera e o galego como linguas oficiais dentro das institucións da Unión Europea. E, malia que aínda non adoptou unha posición definitiva, fontes do Executivo precisaron que "estudarán" os efectos "orzamentarios e de funcionamento" que implicaría esta iniciativa.

Desde Estocolmo están "indecisos" no que atinxe á posibilidade de modificar o Regulamento número 1 da UE, no que se recollen os idiomas oficiais do ente comunitario. A ministra de Asuntos Europeos, Jessika Roswall, precisou que queren examinar "máis a fondo" cales son as consecuencias "legais e finaceiras" da proposta, ao tempo que salientou que "hai moitas linguas minoritarias que non son oficiais dentro da UE".

A ministra de Asuntos Europeos de Suecia, Jessika Roswall. (Foto: Europa Press)
A ministra de Asuntos Europeos de Suecia, Jessika Roswall. (Foto: Europa Press)

O Goberno español solicitou a mediados de agosto ao Consello que o catalán, o euskera e o galego se incorporarsen ao Regulamento do réxime lingüístico, que data de 1958 e conta con 24 linguas oficiais. Calquera mudanza require da unanimidade dos Vinte e sete, polo que non pode saír adiante se un só Estado membro decide oporse.

O Estado español, en tanto que ostenta a Presidencia de quenda da UE ao longo do presente semestre, incluíu o asunto na axenda do próximo Consello de ministros e ministras de Asuntos Xerais, que decorrerá a vindeira terza feira, día 19, coa intención de que haxa un debate e unha eventual votación. O mesmo día, curiosamente, no que no Congreso dos Deputados poderá empregarse a lingua galega por vez primeira.

Se ben é certo que o Consello da UE non tombou ningunha das 1.128 votacións da última década, distintas fontes diplomáticas citadas pola axencia Europa Press consideran "prematuro" dar por feito que haxa decisión a Vinte e sete, pois varios socios teñen dúbidas sobre o custo da medida e o modo en que poida afectar outras linguas minoritarias na UE.

Este sería o caso de Francia, un país cunha forte tradición centralista en todos os aspectos da vida política e tamén no referente á lingua, pois non goza do status de oficialidade ningunha das linguas minoritarias, entre as que se atopan o bretón e o corso.

Comentarios