Galego, euskera e catalán tornarán en idiomas oficiais da Unión Europea o vindeiro 19 de setembro

A proposta do Goberno español foi incluída na orde do día da vindeira reunión dun órgano, o Consello da UE, que non tombou ningunha das 1.128 votacións da última década.
Reunión do Consello da UE en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión do Consello da UE en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Xa se coñece a orde do día da vindeira reunión do Consello da Unión Europea en Bruxelas, o 19 de setembro, coa participación das persoas titulares dos ministeriores de Exteriores ou Asuntos Europeos da UE e, tal e como pedira o Goberno español, incluirá a incorporación de galego, catalán e euskera como linguas oficiais das institucións comunitarias.

Debaterase no encontro, pois, a modificiación do artigo do Regulamento número 1, que enumera os idiomas con carácter de oficialidade. E, tal e como salienta o xornal catalán Vilaweb, a proposta será aprobada practicamente con total probabilidade, pois o Consello da UE non tombou ningunha votación na última década.

Neste órgano, conformado por un ministro ou ministra de cada goberno da Unión, búscase sempre priorizar a negociación e o consenso, algo que se demostra cun dato contundente: das 1.128 iniciativas que se puxeron sobre a mesa desde 2013, ningunha foi rexeitada e todas recibiron o 'si'.

As decisións do Consello da UE poden tomarse por maioría simple, por maioría cualificada ou por unanimidade. As de maioría simple son só cuestións administrativas. O gran groso de votacións realízanse por maioría cualificada, perto de 80% de toda a lexislación, no procedemento chamado de dobre maioría.

Para que exista unha modificación lexislativa necesítanse dúas condicións. A primeira é que voten a favor, cando menos, 55% dos estados, é dicir, quince membros de vinte e sete; e, ademais, que representen un 65% da poboación da Unión Europea.

Pola contra, para bloquear unha decisión é necesario que catro estados voten en contra ou se absteñan e que representen un 35% da poboación. A vontade é buscar un equilibrio entre o peso da poboación de cada estado e, ao mesmo tempo, non restar importancia aos estados máis cativos.

Comentarios