O galego poderá empregarse no Congreso a partir da vindeira semana

A Mesa da Cámara baixa dá luz verde, co voto en contra do PP, á proposta antes mesmo de que se aprobe a reforma do Regulamento.
Reunión da Mesa do Congreso que agora preside a socialista Francina Armengol. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Reunión da Mesa do Congreso que agora preside a socialista Francina Armengol. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Mesa do Congreso adoptou na mañá desta cuarta feira un acordo, co voto en contra do Partido Popular, para que as linguas cooficiais do Estado español —galego, euskera e catalán— poidan utilizarse no hemiciclo xa desde a vindeira terza feira, mesmo antes de que se aprobe a reforma do Regulamento do Congreso que se rexistrou con este obxectivo. De feito, os deputados e deputadas que o desexen xa as poderán utilizar no debate de toma en consideración desa reforma regulamentaria, que será o único punto da orde do día do pleno que decorrerá a vindeira semana.

Fontes parlamentarias explicaron que a tradución do catalán, o galego e o euskera estará garantida debido a que o Congreso contratará os tradutores e tradutoras que estime oportunos e que xa viñan traballando no Senado. Ademais, a institución conta cos auriculares necesarios para que todos os presentes no hemiciclo poidan entender a todos os oradores que usen estas linguas cooficiais. Iso si, se algún quere utilizar o bable ou o aranés, deberá autotraducirse.

Con esta decisión, o PSOE e Sumar dan cumprimento ao anuncio que realizou a presidenta do Congreso, Francina Armengol, no discurso que pronunciou tras a súa elección o pasado 17 de agosto, cando asegurou que as linguas cooficiais poderían utilizarse desde ese mesmo momento.

O uso do catalán, o galego e o euskera foi a condición que as formacións nacionalistas puxeron ao Partido Socialista para apoiar a elección de Armengol e garantir así unha maioría progresista na Mesa da Cámara.

Os servizos xurídicos do Congreso pronunciáronse a favor da cualificación da iniciativa aínda que avisando que é "moi difícil, se non imposíbel", aplicar a reforma "de forma inmediata ou a curto prazo" e de que a súa posta en práctica obrigaría a "reformular todos os procedementos parlamentarios" tal e como están concibidos na actualidade. A maioría da Mesa asume esas dificultades e xa está a perfilar como debe abordarse a aplicación da reforma, aínda que polo momento acordou preparar a contratación dos tradutores necesarios para o Pleno da semana que vén e os de investidura.

A proposición de lei non menciona expresamente o catalán, o galego ou o euskera, senón que permite o uso de "calquera das linguas que teñan carácter de oficial nalgunha Comunidade Autónoma de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía", o que abre a porta ao aranés e evita a polémica sobre a denominación de catalán ou valenciano.

Ademais, na súa proposición de lei os grupos propoñentes aproveitan para cambiar o masculino xenérico dos artigos do regulamento afectados, e xa non só se fala da lingua que poderán usar "os deputados", senón de "os deputados e as deputadas". É máis, engádese unha Disposición Adicional para ordenar que "no prazo máis breve posíbel acometerase unha revisión do texto do Regulamento do Congreso para adecualo á linguaxe inclusiva de xénero".

Comentarios