Estas son as seis finalistas a 'Palabra do Ano 2023'

O Portal das Palabras xa fixo pública a súa lista de finalistas a 'Palabra do ano' para este 2023. Unha iniciativa que promove tanto a Academia como a Fundación Barrié desde o ano 2014 a través da web para a difusión do léxico galego ‘Portal das Palabras'.
Estas son as seis palabras finalistas para 2023.
photo_camera Estas son as seis palabras finalistas para 2023.
  1. Cibercarracho/a
  2. Biodiversidade
  3. Cooficialidade
  4. Dereitos Humanos
  5. Educación emocional
  6. Feitiño/a

O Portal das Palabras xa fixo pública a súa lista de finalistas a 'Palabra do ano' para este 2023. Unha iniciativa que promove tanto a Academia como a Fundación Barrié desde o ano 2014 a través da web para a difusión do léxico galego 'Portal das Palabras'.

Esta campaña pretende identificar voces que incidan en cuestións destacadas da conversación pública do último ano, que o sinteticen ou estean relacionadas con algún novo fenómeno ou preocupación.

En ocasións, estas palabras poden ser neoloxismos, pero tamén poden estar presentes na lingua desde tempo atrás, e permiten "despedir simbólicamente o ano e recibir o que está a piques de comezar".

O proceso para a elección da 'Palabra do Ano' consta de tres fases. A primeira céntrase na elección de vocábulos; a segunda, do 12 ao 25, someterá a votación temática os termos máis significativos e repetidos da primeira fase (a fase actual), e na terceira, após as festas de Nadal, darase a coñecer a palabra gañadora.

Así, estas son as seis palabras finalistas a ‘Palabra o Ano 2023:

Cibercarracho/a

“A dixitalización da sociedade semella un proceso cheo de oportunidades, pero tamén inzado de ameazas como o incremento da ciberdelincuencia, un fenómeno que nos últimos doce meses afectou a moitos particulares e mais pequenas e grandes organizacións do país e de todo o mundo”, indican os organizadores.

Á persoa que comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle ciberdelincuente, segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo predicamento o termo cibercarracho, -a. Este neoloxismo de carácter coloquial permite, dende o atractivo do humor, chamar a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de ciberseguridade contra os ciberataques, explican desde o Portal das Palabras.

Biodiversidade

“A preocupación polo que lle facemos ao medio natural é unha constante que se recolle no proceso de elección da Palabra do Ano, e desta volta está entre as finalistas biodiversidade, substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema. O termo rememora as mobilizacións galegas contra os grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local e tamén o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións”, de acordo do Portal das Palabras.

Cooficialidade

Outra finalista é ‘cooficialidade’, palabra que designa aquilo que é oficial canda outra realidade, e que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten oficialidade. “Coa súa escolla sinálase o paso adiante dado este ano no recoñecemento do galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu uso normalizado no Congreso dos Deputados”.

Dereitos Humanos

Neste 2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos. “A campaña da Palabra do Ano rexistrou moreas de voces propostas que constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto fundamental que está a ser vulnerado de maneira indiscriminada nos últimos conflitos bélicos que conmocionan a comunidade internacional, pero que tamén se esquece decote en calquera recuncho do planeta dende as primeiras liñas, nas que se recolle a igualdade de todas as persoas sen distinción ningunha de cor, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”.

Educación emocional

“A educación emocional apareceu entre as propostas que teñen en común referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a mocidade en particular. A pandemia supuxo un punto de inflexión na visibilización desta cuestión na conversa pública, un dos primeiros pasos necesarios para abordala de maneira efectiva”, de acordo co Portal das Palabras-

Feitiño/a

“A fase de suxestións deixou ademais diversas voces que agradecen a existencia da xente que coa súa maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa comunidade. Mesmo se converteu nun recoñecemento das calidades humanas de persoas que nos deixaron recentemente de imprevisto a través de vocábulos que transmiten o afecto que lles temos e a pegada que deixan indeleble en nós. De entre todos eles, o elixido como finalista é feitiño, -a, voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño, -a”, explican.


Un número de persoas usuarias das redes sociais xa mostraron a súa desconformidade cunha omisión nas seis finalistas. Trátase de ‘Palestina’, unha palabra que se tentou que fose escollida como Palabra do Ano a través das redes sociais mais que, segundo se puido ver, non está entre as finalistas.

Nas edicións anteriores foron elixidas 'comadre' (2022), 'tanxugueiras' (2021), 'nós' (2020), 'sentidiño' (2019) 'deseucaliptización' (2018), 'afouteza' (2017), 'irmandade' (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, 'refuxiado, -a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Comentarios