Lugo completa o paseo das Palabras do Ano coa inclusión de 'Comadre'

A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a cidadanía galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.
Colocación da palabra do ano en Lugo (Foto: Concello de Lugo).
photo_camera Colocación da palabra do ano en Lugo (Foto: Concello de Lugo).

O tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, e Manuel González, membro da Real Academia Galega, visitaron a rúa Menorca onde se vén de instalar a palabra ‘Comadre’, escollida como palabra do ano 2022.

Rubén Arroxo afirmou que "con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que pomos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega".

“Continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e converteu a rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo” dixo Arroxo que engadiu que "o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".

“Desde as áreas de Cultura e Infraestruturas continuamos a facer das rúas da cidade lugares amábeis para pasear nos cales ao mesmo tempo se pode descubrir a nosa cultura”, explicou o tenente alcalde.

Palabra do Ano

A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a cidadanía galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós, Tanxugueiras e comadre.

Comadre

Comadre procede do latín tardío commāter,-tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”.

Mais na lingua familiar ‘comadre’ tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra.

Comentarios