“Fagamos ‘Palestina’ palabra galega do ano 2023”

Unha campaña nas redes pide escoller Palestina para a ‘Palabra do Ano 2023’  do 'Portal das Palabras'.

Bandeiras de Palestina nunha manifestación
photo_camera Bandeiras de Palestina nunha manifestación

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abriron a finais de novembro a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2023. Ambas as institucións promoven esta escolla colectiva dende o ano 2014 a través do Portal das Palabras, o proxecto web que comparten para a difusión do léxico galego. O público poderá participar até o domingo 10 de decembro na fase de recolla de suxestións, da que sairán os vocábulos finalistas. A votación popular desenvolverase entre o martes 12  e o luns 25 de decembro.

A través das redes sociais, unha campaña pide que nesta fase de proposta de palabras se propoña ‘Palestina’ “como palabra galega do ano 2023 e 𝘀𝗼𝗹𝗶𝗱𝗮𝗿𝗶𝗲𝗱𝗮𝗱𝗲 como segunda”. Trátase así de mostrar a solidariedade co pobo palestino tamén a través desta iniciativa, visibilizando ese apoio na escolla da palabra.

A campaña da Palabra do Ano procura identificar voces que incidan dalgunha maneira en cuestións especialmente destacadas na conversa pública dos últimos doce meses, que sinteticen como se viviron comunitariamente ou que estean relacionadas con algún fenómeno ou nova preocupación, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. A Palabra do Ano pode sinalar tamén arelas compartidas e permite despedir simbolicamente o ano recibindo o que está a piques de comezar con novos azos.

A última palabra terana as persoas que participen no proceso, que consta de tres fases. A primeira, centrada na proposta de voces, permanece aberta até o domingo 10 de decembro ás 23:59 horas. Entre o 12 e o l25 de decembro, someteranse á votación telemática os termos máis significativos e repetidos na primeira fase. Tras as festas do Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2023.

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

 

Comentarios