Profesionais da tradución e interpretación alertan sobre a situación da lingua galega

A presenza da lingua galega na tradución e na interpretación preocupa entre grupos de profesionais e tamén no ámbito da formación universitaria.
As interpretacións co galego como lingua de chegada son moito menos comúns que ao español, segundo Jacobo Currais (Foto: Nós Diario).
photo_camera As interpretacións co galego como lingua de chegada son moito menos comúns que ao español, segundo Jacobo Currais (Foto: Nós Diario).

A presenza da lingua galega na tradución e na interpretación preocupa entre grupos de profesionais e tamén no ámbito da formación universitaria, con cada vez menos alumnado nas combinacións lingüísticas que inclúen o galego.

Esa situación é preocupante porque a actividade tradutiva e interpretativa pode outorgar prestixio a un idioma minorizado como é o caso do galego e axudar a normalizalo, algo que asegura a profesora Claudia Angelelli no seu traballo Revisitando o rol do intérprete, no cal expón que "a presenza dun idioma nunha práctica regulada e ensinada na universidade como a tradución e interpretación mellora o status e prestixio da mesma". 

Algo ao que tamén se referiu Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que en declaracións a Nós Diario explica que "moitas veces non pensamos no que hai detrás dunha escolla lingüística ou outra, se escollemos un servizo que se oferta en galego estamos contribuíndo a normalizar o idioma e tamén a xerar emprego para as profesionais que traballan coa nosa lingua".

En canto ao mercado de traballo para a tradución e a interpretación en lingua galega, Taibo indica que "a pesar de que hai motivos para o optimismo como as novidades da nova lei do audiovisual, que melloran as oportunidades de traballo para o galego, o certo é que debería haber máis emprego para as profesionais que usamos o noso idioma".

O papel que as Administracións desempeñan a este respecto tamén suscita a preocupación de Taibo ao asegurar que "é preciso que cando unha Administración dea calquera tipo de apoio económico a algunha actividade relacionada co idioma, se teña en conta o galego. Somos conscientes de que isto non se cumpre sempre". 

O galego na interpretación

A interpretación de congresos ou calquera outro tipo de interpretación pode ser unha ferramenta importante de prestixio e normalización da lingua galega. Con todo, a presenza do galego neste ámbito é escasa. Se ben non existen datos oficiais do uso do galego en interpretacións, si que contamos cos datos de profesionais como Jacobo Currais, tradutor e intérprete que leva máis de 20 anos exercendo a súa profesión e cuxas experiencias relata a este xornal.

Currais ten como linguas de traballo o galego, o español, o inglés e o portugués. Durante os máis 20 anos que leva traballando como freelance, realizou un gran número de interpretacións para un gran leque de clientes. Dun total de 219 traballos realizados profesionalmente, o galego estivo presente en 30 (13,7%), o inglés en 170 (77,6%), o portugués en 28 (12,8%) e o español en 189 (86,3 %). Estes resultados mostran claramente que o galego ten unha presenza moito menor en comparación co resto de linguas, nomeadamente co inglés e aínda máis se se compara co español.

Revélase interesante tamén saber quen son os clientes das interpretacións de Currais ao galego. Nas súas palabras "a maior parte dos clientes foron formacións políticas ou sindicais, por tanto de titularidade privada".

O galego en tradución e interpretación na universidade

A Universidade de Vigo (UVigo) é a única no país que oferta o grao en Tradución en Interpretación con diferentes combinacións lingüísticas que inclúen a lingua galega. Non obstante, a situación do idioma no grao non é alentadora, segundo indica a este xornal un docente da facultade de Filoloxía e Tradución que prefire non desvelar a súa identidade.

Segundo di, "cada vez hai menos alumnado que mostre interese pola lingua galega en xeral e, de feito, de 40 prazas que se ofertaron para a combinación de galego-inglés, só se cubriron menos de 20". Unha situación que, para este docente, revélase "verdadeiramente preocupante" xa que "a formación universitaria en tradución e interpretación  en galego é vital para poder ofrecer servizos no noso idioma e de calidade". 

Comentarios