A Mesa recibe o premio Xela Arias polo seu labor na lei do audiovisual

O xurado considerou que esta iniciativa marca un "punto de inflexión" na conquista de dereitos do galego e unha nova etapa que "estamos a constatar que se está a abrir no ámbito da tradución audiovisual cara ao galego".

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) resolveu por unanimidade outorgarlle o Premio Xela Arias na súa quinta edición á Mesa pola Normalización Lingüística polo "seu labor e dedicación na iniciativa de cambio da nova Lei Xeral do Audiovisual para conseguir que o galego teña financiamento anticipado nas producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda".

O xurado considerou que esta iniciativa marca un "punto de inflexión" na conquista de dereitos do galego e unha nova etapa que "estamos a constatar que se está a abrir no ámbito da tradución audiovisual cara ao galego".

"Honrados"

En declaracións a Nós Diario, o presidente da Mesa, Marcos Maceiras manifestou que se senten "honrados por este recoñecemento, tanto polo nome que leva o premio, Xela Arias, que ademais foi tradutora e tamén por que sexa a propia AGPTI a que nolo outorgue".

"É grazas ás persoas que conforman a AGPTI que, no ámbito audiovisual, podemos ter acceso a series e filmes dobrados e lexendados na nosa lingua", acrecenta Maceiras que aproveita para salientar que "ese labor de profesionais da tradución e da interpretación é o que fai que que a situación do audiovisual en lingua galega estea moito mellor do quer hai uns anos".

Sobre a importancia da tradución e da interpretación á lingua galega, Maceiras manifesta que "permítenos acceder a obras de todo tipo e é unha mostra da diversidade lingüística que caracteriza o ser humano. Ademais, grazas á tradución, podemos conectarnos co resto do mundo".

O acto de entrega

O acto da entrega do premio terá lugar o vindeiro 16 de decembro na cidade da Coruña. Desde a AGPTI destacan gañadoras de anteriores edición deste premio como María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020) e a revista científica Viceversa (2021).

Comentarios