Trinta e tres editoras reparten os 200.000 euros de subvencións

O desleixo da Xunta nas axudas á tradución literaria indigna as editoriais

A Xunta pagará para que se traduza a mesma obra tres veces. Ademais, concederá unha estimábel cantidade de diñeiro para que se vertan ao galego obras de autores nados na Galiza que escriben ou escribiron en castelán. Estes son só algúns dos desatinos que exasperan ás editoriais galegas.
image_gallery
photo_camera A Xunta non ten en conta o currículo dos tradutores nin a traxectoria das editoriais para conceder as axudas. Foto: Xunta de Galiza

Non hai dúbidas sobre a importancia que ten a tradución para o sistema literario dun país: a tradución de textos cunha esixencia artística notábel confronta ao público e ás persoas que escriben con usos da lingua novidosos e con correntes artísticas innovadoras, mentres que aquelas que procuran audiencias máis extensas contribúen a que a lingua incremente a súa presenza social. Por outra banda, a exportación de textos a outras linguas reforza o valor simbólico da lingua propia e impulsa a súa posición no panorama internacional como o produto dunha cultura autónoma e sólida. 

Daquela, é lóxico e pertinente que todos os gobernos recoñezan a necesidade de establecer axudas á tradución como un piar da súa política cultural. Porén, e precisamente pola importancia que esta actividade ten para a cultura dun país, cómpre que eses estímulos se constitúan cun fundamento que axude a cumprir os obxectivos mencionados dunha maneira razoábel. A Xunta de Galiza vén de facer públicos os resultados da súa convocatoria para axudar á tradución e a opinión maioritaria entre as editoriais con máis traxectoria neste campo é practicamente unánime: son un disparate.

A Xunta financiará tres traducións diferentes da novela de Frances Hodgson Burnett O xardín secreto, unha de Aira Editorial, outra de Galaxia e unha terceira de Rinoceronte.

Unha obra ao prezo de tres

Analizando os resultados da convocatoria, hai algunhas cousas que chaman a atención a primeira vista: por exemplo, a Xunta financiará tres traducións diferentes da novela de Frances Hodgson Burnett O xardín secreto, unha de Aira Editorial, outra de Galaxia e unha terceira de Rinoceronte. Máis curioso aínda, se cabe, é que cada unha das traducións está subvencionada cunha cantidade diferente, malia que a repartición dos cartos públicos se levou a cabo segundo unha bases que, supostamente, establecía uns parámetros “obxectivos” para calcular a contía da axuda.

Ademais, existen varias obras que xa están traducidas ao galego e que volverán ser vertidas á nosa lingua con axudas institucionais: A narración de Gordon Pym, Un cuarto de seu, Dublineses... Tendo en conta o evidente déficit de obras da literatura universal que, por razóns históricas, exhibe o libro galego, esta decisión resulta, cando menos, discutíbel. “As editoriais poden retraducir textos, por exemplo se consideran que os poden mellorar. Iso eu non o poño en cuestión e mesmo creo que é san”, explica Alejandro Tobar, da Editoral Hugin e Munin. “Mais penso que sería bo que a Consellaría desincentivase a retradución con diñeiro público”.

O castelán sempre gaña

Mais existen outros argumentos de fondo que van máis alá da pura anécdota. A mesma convocatoria inclúe a exportación e a importación, é dicir, a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas. “Baixo o epígrafe Interese cultural da obra a convocatoria establece que se o orixinal é dun autor ou autora galegos recibirá máis puntuación que se é do resto do Estado ou doutros países, talvez pensando en estimular a tradución cara ao exterior”, explica Moisés Barcia, de Rinoceronte Editora. “Mais o que se propiciou foi que algúns dos máis beneficiados fosen proxectos que traducen ao galego obra de autores nacidos na Galiza e que escriben en castelán, como é o caso de Emilia Pardo Bazán”.

“Seica combinar campañas de micromecenado e pedir axudas públicas é un novo modelo de negocio... A min chéirame ao chamusco”, di Alejandro Tobar, de Hugin e Munin

Neste caso, efectivamente, se atopan dous proxectos que espertan moitas dúbidas entre os editores. O Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural, unha academia que se dedica a dar clases particulares de diversas materias, que ten o seu web en castelán e ao que non se lle coñece actividade editorial previa, recibirá 13.435 euros para traducir tres volumes de contos de Emilia Pardo Bazán. Por outra banda, a Editorial Tegra, creada poucos meses antes de que se publicase a convocatoria da Xunta, é a segunda máis beneficiada por estas axudas, e recibirá 30.147 euros para verter ao galego dezanove títulos como Veinte poemas de mi alma y una melodía sin retorno, El misterioso candor de los trenes ou La lluvia trepó sobre Bianca, cuxo “interese cultural” en calquera sistema literario dista moito de ser evidente.

“Francamente, é groseiro e ofensivo. Unha obra como Vidas entrelazadas non debería nunca levar 2.300 euros fronte aos 1.500 de Lessico famigliare, de nada menos que Natalia Ginzburg”, engade Tobar. Para incrementar a polémica, algúns destes títulos foron editados a partir de campañas de crowfunding. “É o caso de Veinte poemas de mi alma y una melodía sin retorno”, aclara Alejandro Tobar. “Seica combinar campañas de micromecenado e pedir axudas públicas é un novo modelo de negocio... A min chéirame ao chamusco”.

"Este ano deuse a inconcibíbel situación de que non se tiñan en conta nin o currículo dos tradutores, nin a traxectoria das editoriais", apunta Celia Recarey, de Irmás Castoné

“Un dos problemas é que a Xunta vai mudando os criterios para conceder as axudas sen demasiado discernimento” apunta Celia Recarey, da editorial Irmás Cartoné. "Este ano deuse a inconcibíbel situación de que non se tiñan en conta nin o currículo dos tradutores, nin a traxectoria das editoriais. Parece que dá igual que traduzan Eva Almazán ou María Alonso Seisdedos [ambas cun Premio Estatal de Tradución] que unha persoa que se inicia no oficio. Ou que publique unha editora con anos de experiencia ou outra acabada de chegar. Iso, obviamente, fomenta o intrusismo".

"Pasa o mesmo co falta de seguimento dos libros traducidos unha vez concedida a subvención: imposibilita avaliar o rendemento social dos cartos públicos" continúa Recarey. "E hai libros dos que directamente non se sabe nada despois de que recibiron a axuda".

Falta de compromiso da Xunta coa cultura

 

"O diálogo das editoriais coa administración foi unha constante nos últimos anos", comenta Celia Recarey, "mais non entenden ou non queren entender as nosas achegas".

"Nun momento dado, por exemplo, expusimos que merecía maior axuda unha novela de cincocentas páxinas que unha de cen, pero iso transformouse, en que un dos parámetros de maior importancia para puntuar os proxectos é a extensión da obra. E se o criterio da extensión non vai acompañado doutros, acabamos por traballar ao peso, sen que a relevancia cultural da obra traducida teña ningún papel".

"O relevante é a falta de compromiso da Xunta" di Moisés Barcia."Búscase que mesmo o funcionario máis obtuso poida valorar o mérito dunha obra prescindindo dos valores culturais que posúe".

Comentarios