martes 24/11/20

O PP leva ao Parlamento unha iniciativa contraria ao galego nas aulas

Grupo Parlamentario Popular presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei urxente ante a "preocupación" que lle suscitan as modificacións da reforma educativa.

O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa.
O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa.

O PP busca o claro "rexeitamento da Cámara ante calquera modificación que posibilite que galego ou castelán deixen de ser vehiculares no ensino, poñendo así en perigo o equilibrio entre as dúas linguas cooficiais".

Deu conta desta iniciativa o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, que hai precisamente unha semana reclamaba publicamente que “o castelán siga sendo lingua vehicular de todo o ensino".

No texto, o PP pide que o Parlamento “reafirme o seu compromiso co marco lingüístico recolleito na Constitución, Estatuto de Autonomía [que no seu artigo 5 afirma que o idioma propio da Galiza é o galego] e na Lei de Normalización Lingüística de Galiza". A cativa lexislación relativa ao idioma é incumprida mesmo pola Xunta da Galiza, con altos responsábeis que mesmo se manifestan publicamente en español no exercicio do seu cargo.

Un decreto contra o galego

A proposición non de lei recolle o argumentario defendido polo Partido Popular a respecto da lingua galega e tira de eufemismos como “convivencia lingüística” e “equilibrio”, a pesar de que o denominado decreto do plurilingüismo que rexe o uso dos idiomas no ensino, prioriza o español en detrimento do galego, prohibido na área científico-tecnolóxica.

Miguel Tellado puxo en valor o citado decreto, fortemente contestado pola meirande parte da comunidade educativa e que deu pé a estatísticas preocupantes do IGE, así como a advertencias por parte do Consello de Europa, que instou a Xunta a eliminar as limitacións á docencia en galego.

En relación ás mudanzas na lei educativa a nivel estatal, na que non se recolle de maneira explícita a palabra vehicular, o PP entende que poden facilitar “a inmersión lingüística” por parte dos “nacionalistas”.

Cruzada contra o idioma propio

Considera Tellado que se saltaron "os marcos normativos de rango superior" e que se permite que “a lingua castelá deixe de ser vehicular, co que se altera o equilibrio lingüístico entre as linguas cooficiais do Estado e se renuncian a que os cidadáns aprendan na lingua que lles vincula con falantes de distintos territorios, tanto no ámbito estatal como internacional".

Na última semana, tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, declaráronse publicamente a favor de que o español siga a ter prevalencia sobre o galego nas aulas.

comentarios