A Xunta devolve o conflito lingüístico ás aulas

Recunca o conflito lingüístico na Galiza. As críticas do Partido Popular á reforma da lei educativa do Goberno estatal reavivan o debate sobre o uso do galego no ensino e a denominada "imposición lingüística".
Carreira pola lingua e pola normalización lingüística da mocidade e a infancia en Vigo nos anos 2018.
photo_camera Carreira pola lingua e pola normalización lingüística da mocidade e a infancia en Vigo nos anos 2018.

A rémora do conflito lingüístico ameaza o galego desde hai máis dunha década. Faino, nomeadamente, no ámbito educativo, onde o decreto do plurilingüismo, aprobado tras a chegada do Partido Popular ao Goberno da Xunta no ano 2009, derogou a orde anterior sobre o uso e a promoción do galego no ensino, de 2007, que tanto os populares galegos como o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, viñan sinalando como exemplo de "imposición lingüística" malia desenvolver o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ratificado por unanimidade no Parlamento da Galiza en 2004.

Neste sentido, o decreto de 2007 levou á práctica un mínimo de 50% de docencia en galego tanto na educación infantil, como en Primaria, ESO, Bacharelato e FP, ademais de fomentar o uso da lingua propia nas aulas de matemáticas e tecnoloxía entre outras materias, a maiores das legalmente estabelecidas.

O decreto para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria, de 2010, truncou algúns destes obxectivos. Desterrou o galego da área científico-tecnolóxica e limitouno no caso da educación infantil, o que o levou a concentrar nos ultimos anos o rexeitamento da comunidade educativa e de numerosos colectivos en defensa da lingua, preocupados polo efecto negativo da norma ao entender que limita e promove a redución gradual do idioma propio dentro do ámbito escolar.

Uso do galego

Segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre uso do galego, no tramo de idade que vai dos 5 aos 15 anos, 30,04% recoñecen non saber escribir galego, 18,32% non saber lelo e 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% respectivamente sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego.

De novo, a imposición

A Lei Orgánica de Modificación da LOE (Lomloe), coñecida como Lei Celaá, en fase tramitación no Congreso, vén de eliminar o castelán como lingua vehicular no ensino, unha mudanza que deixa en mans das Administracións educativas a escolla da lingua vehicular e a garantía do "dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicábel".

As primeiras críticas chegaron da man do secretario xeral do PPdeG. Miguel Tellado, cualificou de "despropósito" a reforma educativa. "É evidente que o que se pretende é facilitar que en determinadas comunidades onde gobernan os nacionalistas se impoñan modelos educativos que apostan pola inmersión lingüística, que no es más que a imposición lingüística", dixo.

Ás declaracións de Tellado sumouse o presidente da Xunta a través das redes sociais. Alberto Núñez Feixoo acusou o Executivo que preside Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación

Modelo plurilingüe

Desde a Secretaría Xeral de Política lingüística, Valentín García defende o modelo actual da Galiza, baseado, salienta, "no plurilingüismo": "varias linguas funcionando ao mesmo tempo no sistema educativo potenciando a lingua propia, que é a lingua preferente de uso na Administración educativa". 

A exclusión do castelán que pretende a reforma educativa non nos parece o camiño axeitado.

Neste sentido, explica García a Nós Diario, galego e castelán funcionan como linguas vehiculares na Galiza, polo que o obxecto do cambio normativo que se vén de aprobar non se aplica no caso galego. "A exclusión do castelán que pretende a reforma educativa non nos parece o camiño axeitado. Sería un contrasentido pecharlle a porta a un idioma que nos pon en contacto con 600 millóns de falantes en todo o mundo". 

Situación mellorábel

Desde a Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes defende o galego como "lingua vehicular para o ensino de calquera materia" e aclara que ao tratarse da lingua propia da Galiza, cooficial co castelán, "ten que ter os mesmos dereitos que o castelán, polo tanto, a vehicularidade no ensino é fundamental, se non, acabamos convertendo a lingua galega nun elemento exótico dentro do sistema". 

Desde o Consello de Europa as chamadas de atención tamén son reiteradas. "As reprimendas son insistentes, tanto ao Goberno de España como ao Goberno da Xunta, que é quen ten a última palabra en materia lingüística", advirte o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]

Comentarios